O BNG continúa a ser a referencia inequívoca do nacionalismo galego, incrementa en máis de 40.000 votos o número de papeletas sobre as pasadas eleccións autonómicas, supera o número de actas actuais, case duplica o número de maiorías absolutas e incrementa nun 50% o número de concellos nos que aspira a gobernar en solitario ou con pactos.
Ademais, alí onde goberna, os alcaldes e alcaldesas do Bloque reforzan o apoio da cidadanía, e todo nun contexto de fragmentación política.
Aínda así, a valoración da dirección nacionalista, expresada a través do portavoz nacional, Xavier Vence, considera insatisfactorios os resultados con luces importantes pero tamén con sombras moi escuras en particular nas cidades de Vigo e Ourense moi lonxe das expectativas.
Fixemos cambios nos últimos tempos pero á vista está que foron insuficientes e temos que sacar consecuencias de alcance da mensaxe que o electorado, sobre todo urbano, nos lanzou, explicitou Vence, subliñando ademais que no BNG non estamos pechados, temos os oídos ben abertos e temos vontade de ser unha ferramenta útil para a maioría social que quere unha Galiza máis forte e con forzas políticas propias.
Vence, que compareceu acompañado de toda a Executiva Nacional, deixo claro a intención do Bloque de seguir consolidando o proxecto nacionalista e para iso, analizaremos os nosos fallos para adoptar os cambios necesarios, porque Galiza precisa un nacionalismo forte e politicamente eficaz.
BNG segue a ser a terceira forza política do país por número de votos e de concelleiros, e os resultados tamén amosan un incremento xeral dos gobernos municipais cun respaldo claro á maneira de gobernar do Bloque, explicou Vence, quen fixo referencias expresas de felicitacións a Pontevedra como modelo urbano de referencia, e ao resto de concellos onde se pasa a ter goberno, incluídas as 13 maiorías absolutas.
Vence avanzou que, concello a concello, o Bloque facilitará gobernos municipais alternativos ao PP e subliñou que, sabendo da súa heteroxeneidade, o BNG tende a man a tod@s os que queiran construír un proxecto nacionalista de esquerdas para transformar Galiza.
A executiva nacional expresou o agradecemento ao enorme e entregado traballo dos miles de militantes e simpatizantes, de xeito moi especial a todas esas persoas que participaron nas Asembleas Abertas, e ás 4.000 persoas que formaron parte das candidaturas e as miles de persas.