Vence: Somos a única alternativa nacionalista capaz de disputarlle terreo ao PP en todo o país
O cambio comeza nos concellos para construír unha Galiza con futuro onde a xente moza non teña que emigrar como os seus avós
BNG-Asembleas Abertas arrancou na Coruña a campaña electoral na que se fixa como obxectivo estender ao resto de Galiza o modelo de concello a favor da xente que foi capaz de desenvolver alí onde goberna. Queremos encher Galiza de Pontevedras, Tomiños, Bueus, Rianxos, Ribadeos, Allariz, Carballos..., proclamou o portavoz nacional, Xavier Vence, citando algúns dos concellos gobernados pola formación nacionalista.
Cidades e vilas exemplos de calidade de vida, capaces de xerar dinamismo económico, que apostan polo comercio local, concellos que dan aos seus veciñas e veciños servizos públicos e sociais, concellos abertos, transparentes, honestos, concellos orgullosos do que somos como pobo, orgullosos de ser galegos, argumentaba Vence.
Neste sentido, salientou o respaldo que reciben os gobernos nacionalistas: Alí onde tivemos a posibilidade de demostrar o que somos capaces de facer desde o goberno, o BNG reforza o apoio da veciñanza, que sinte orgullo de formar parte dun proxecto de transformación colectivo a favor de todos e todas. Vence apelou a esa experiencia e solvencia como aval para pedir o apoio da cidadanía nesta cita electoral.
No mitin de arranque de campaña, Vence tamén puxo en valor que BNG-Asembleas Abertas é a única alternativa nacionalista de esquerdas que planta cara ao PP en todo o país, que lle disputa terreo ao PP, palmo a palmo, en todo o territorio e non só nun puñado de cidades.
O 97% dos galegos e galegas terán a oportunidade de elixir unha papeleta BNG-Asembleas Abertas como alternativa ás políticas de recortes que esnaquizan os sectores produtivos, que causan paro e emigración e que desmantelan os servizos públicos.
Depende de nós
Vence apelou ao lema de campaña Depende de nós, para instar á cidadanía a pasar a páxina dos recortes e da corrupción. O cambio empeza nos concellos, é o primeiro chanzo para derrotar ao PP e construír unha Galiza na que a xente moza non teña que emigrar como xa fixeran seus avós. O BNG quere liderar ese cambio desde un proxecto nacionalista para o conxunto do país, e ese cambio depende de nós, concluíu.
Sen localismos que illan
O candidato de BNG-Asembleas Abertas na Coruña, Xosé Manuel Carril, lembrou que a historia da Coruña é unha historia popular de rebelións e de loitas pola liberdade, e nós continuarmos o traballo das persoas boas e xenerosas que nos precederon na nosa loita, subliñou.
Na súa intervención, apelou á importancia do carácter galego da Coruña, afirmando que non se pode querer á nosa cidade renegando desa Coruña galega. Unha Coruña que sempre existiu e existirá, a pesar dos que practican o illamento localista da nosa cidade. Carril reivindicou A Coruña obreira, mariñeira, dos barrios e dos movementos sociais.