Ana Pontón, candidata á Portavocía Nacional para conducir o proceso de refundación do BNG

A deputada Ana Pontón é a candidata á Portavocía nacional do BNG ao encabezar a lista de cincuenta persoas aprobada hoxe polo Consello Nacional para a renovación deste órgano de dirección, unha proposta que será sometida á consideración da militancia na XV Asemblea nacional do 28 de febreiro.

Ana Pontón e Goretti Sanmartín, encabeza candidatura aprobada polo Consello Nacional

Por primeira vez será unha muller a chamada a liderar a formación nacionalista coa responsabilidade de conducir un proceso de refundación que o Bloque emprenderá sobre as bases do que decida a militancia o 28F, proceso de refundación co que aspira a recuperar o apoio social desde o convencemento de que Galiza precisa un proxecto nacionalista como o que representa o BNG.

“É emocionante que unha muller sexa candidata a portavocía nacional por vez primeira, pensamos vai ser moi ben recibido polas militancia e pola base social”, salientaba Goretti Sanmartín número dous da candidatura, “somos audaces, rebeldes e con moitas ganas de traballar”, subliñou en referencia ás mulleres que integran unha lista con importante presenza de xente moza, de referentes do traballo municipal e social e que pecha simbolicamente o portavoz parlamentario, Francisco Jorquera.

Os quince primeiros nomes desa candidatura corresponden ás persoas propostas para conformar a Executiva nacional. Ademais de Pontón e Sanmartín, inclúe a Xosé Luis Rivas, Mini, Noa Presas, Rubén Cela, Carmen da Silva, Nestor Rego, Olaia Ledo, Bieito Lobeira, Obdulia Diniz, Xosé Emilio Vicente, Montse Prado, Xosé Manuel Marcote, Alba Feixó e Luis Pérez Barral.

Escoita activa

A proposta de candidatura, -que aínda pode ter novas incorporacións-, foi elaborada tendo en conta os nomes decididos polas bases nas asembleas comarcais, así como os criterios de equilibrio de xénero e territorial. En todo caso, o prazo de presentación de candidaturas está aberto ata o luns ás 19.00 horas, e calquera grupo de 15 militantes pode presentar outras propostas.

A militancia nacionalistas durante unha asemblea nacional

Pontón fixo un recoñecemento expreso do “inmenso labor” da executiva actual en particular do traballo feito polo portavoz nacional, Xavier Vence. “Estiveron dando a talla e introducindo cambios importantes na propia dinámica da organización que deben ser continuados”, salientou a agora candidata, quen aposta por construír o futuro do nacionalismo “colectiva e democraticamente” con “paixón, convicción e con principios”.

“O reto máis importante que temos por diante é iniciar o proceso de refundación do BNG coa convicción clara de que o nacionalismo é un elemento necesario e fundamental para o futuro do país”, argumentou a deputada, ao tempo que destacaba a vontade de facer “unha escoita activa interna e externa, e de levar adiante os cambios que colectivamente decida a militancia do BNG, desde o compromiso co país o coas ideas de cambio e de progreso”.

Documentos de debate

Ana Pontón confesouse “ilusionada” pola responsabilidade que asume consciente de que é “un reto difícil”, e apuntou dous aspectos clave para “reconstruír a complicidade e o apoio social”: actualizar o discurso político e redefinir a estrutura organizativa do Bloque. Será a militancia quen determine cales deben ser os prazos do proceso de refundación, indicou.

“Temos que estar á altura das circunstancias porque hai moitas persoas mirando para o BNG”, concluíu Pontón en relación ao conclave do 28F.

En relación á documentación que será debatida na Asemblea nacional, o CN deu luz verde a un total de 150 emendas sobre as 243 presentadas ao relatorio oficial, que se incorporan agora ao texto político tras ser aceptadas ou transacionadas no Consello Nacional. O resto, incluídos os votos particulares, pasan a formar parte dos documentos políticos que serán debatidos pola militancia na cita do Palexco na Coruña, explicou Sanmartín.

PROSTA DE CANDIDATURA DO CONSELLO NACIONAL

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG