Allariz é o exemplo do que se pode aportar á cidadanía cando se goberna con ideas, proxectos e con compromiso coa xente, e representa a imaxe do que o BNG quere ver estendido por todos os concellos do país, proclamou o portavoz nacional, Xavier Vence, na súa visita institucional a este concello, que definiu como emblema da maneira de facer política do Bloque.
Vence parabenizou ao grupo municipal que lidera Francisco García por un traballo honesto, eficaz e aos servizo da cidadanía, que se traduce nun concello referente en servizos, infraestruturas, calidade de vida e benestar social para a provincia e para o conxunto de Galiza.
É un referente do compromiso do BNG coas políticas sociais, en particular cos que máis padecen os recortes desde o Goberno central e desde a Xunta, mantendo calidade de vida e contrarrestar os efectos nefastos das políticas de recorte do PP con programas impulsados desde o Concello, explicou Vence, tras visitar as instalacións do centro de servizos sociais fogar de maior, onde tivo oportunidade de coñecer as actividades de formación, ocio e deporte para diversos colectivos.
O dirixente nacionalista subliñou o esforzo inversor do concello, que destinará máis de 500.000 euros a programas educativos e de benestar social nos orzamentos de 2015. O 20% do orzamento de 2015 será para investimento social, confirmou García, quen definiu Allariz como un concello para vivir que ten incrementado a súa poboación a través da xeración de emprego e das políticas de benestar social.
Para Vence, Allariz demostra que un concello ben gobernado é capaz de crear tecido produtivo local, crear emprego e dar transformarse nunha vila singular en niveis de calidade de vida. Un municipio recuperado para a cidadanía, con infraestruturas para que todas as persoas teñan un espazo para convivir, formarse e encontrar un emprego, desfrutar do ocio, do deporte, da cultura e con altos niveis de benestar social.
Allariz é o emblema das políticas do BNG que serve como exemplo de Goberno municipal fronte ao PP e PSOE, que ofrecen á cidadanía unha xestión rutineira e opaca, en moitos casos marcada pola corrupción, concluíu.