Vergoña democrática é que os Franco sexan propietarios de dúas esculturas do Pórtico da Gloria

O BNG organiza un acto simbólico diante do Museo Xelmírez para reivindicar a devolución ao patrimonio público as esculturas de Abraham e Isaac expostas na mostra adicada o Mestre Mateo, no Museo da Catedral de Santiago

No acto organizado hoxe polo BNG diante do Museo da Catedral de Santiago no que se expón a mostra adicada ao Mestre Mateo e que acolle dúas esculturas do Pórtico da Gloria de propiedade da familia Franco, a  portavoz nacional do BNG, Ana Pontón reclamou a devolución das figuras de Abraham e Isaac ao patrimonio galego e afirmou que, “vergoña   democrática é que dúas esculturas do Pórtico da Gloria formen parte da colección particular da familia Franco”.

Parafraseando á vicepresidenta, Soraya Sáenz de Santamaría que cualificou de vergoña democrática o proceso de independencia en Catalunya, Pontón afirmou que  como galegos e galegas ,  “é unha vergoña democrática que permitamos que a familia Franco manteña bens que foron roubados ou espoliados ao pobo galego con total impunidade” e  resulta vergoñento que dende as institucións públicas “non se mova un dedo” para restituír a propiedade das figuras do Pórtico da Gloria, o Pazo de Meirás e a Casa de Cornide ao pobo galego. Esta situación, recalcou a nacionalista, constata ata que punto a transición permitiu que os abusos do franquismo continuaran adiante.

A portavoz nacionalista anunciou que o BNG rexistrará iniciativas no Parlamento galego e no Consello de Santiago de Compostela para que as dúas figuras retornen ao patrimonio galego. A familia Franco parece que está por riba da lei, da dignidade e  dos dereitos e dende o BNG seremos “tallantes e claros” para acadar a devolución dos ben incautados durante o período da ditadura de Franco.

Ademais, asegurou que as persoas que asisten a esta exposición descoñecen como estas dúas figuras foron obtidas pola familia do ditador e esta información é un labor de “hixiene democrática e de non permitir atropelos como os que se consentiron durante corenta anos”.

O BNG EMPRAZA AO GOBERNO DE SANTIAGO A INCIAR OS TRÁMITES PARA A DEVOLUCIÓN DAS TALLAS DO MESTRE MATEO

Pola súa parte, a vicepresidenta da Deputación da Coruña e concelleira do BNG no concello de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín explicou  que as dúas tallas do Mestre Mateo foron mercadas no ano 1948 polo concello e por valor de 60.000 pesetas coa intención de que non saíran nunca do termo municipal de Compostela, como principal condición na venda. En 1961 as figuras aparecen como propiedade da familia Franco. Neste sentido, anunciou que o BNG presentará unha proposta no concello co fin de emprazar ao goberno de Santiago a  iniciar os trámites necesarios para a devolución das tallas ao patrimonio público e “unha investigación” do que aconteceu. Sanmartín recalcou que as dúas figuras do Mestre Mateo deben volver a ser  propiedade do concello de Santiago e non volver ao Pazo de Cornide, “outra propiedade roubada ao noso patrimonio pola familia do ditador”.

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG