Tereixa Paz: “Galiza non pode ser o sumidoiro do leite que lle sobra a Francia"

Intervención de Tereixa Paz

A deputada criticou que o Goberno galego non puxera en marcha ningunha medida pública para resolver a “crítica situación do sector lácteo galego"

Tereixa Paz

Tras a comparecencia da conselleira de Medio Rural, Angeles Vázquez para informar do plan de fortalecemento do sector lácteo, a deputada do BNG, Tereixa Paz criticou que non fora remitido aos grupos parlamentarios “ningún rascuño” do Plan, e  a conselleira limitarase a nomear ás persoas convocadas a ese foro pero sen informar das liñas estratéxicas polo que preguntou se de verdade tiña algún plan “para mañá, para a semana que ven ou para o mes de abril”.

Galiza, sumidoiro do leite que lle sobra aos franceses

A deputada criticou que o Goberno galego non puxera en marcha ningunha medida pública para resolver a crítica situación do sector lácteo e asegurou que “ Galiza non pode seguir sendo o sumidoiro do leite que lle sobra aos franceses”.

Resulta moi difícil de entender, dixo a nacionalista presentar un plan sen ter avaliado as medidas que puxeron en marcha con anterioridade ou os sucesivos acordos asinados por vostedes para fortalecer o sector lácteo. Por outra parte, xa que non tiveron a capacidade de anticipación para abordar as condicións do escenario despois do 1 de abril do 2015 tras a desaparición das cotas, ao menos, a elaboración dun novo plan deberían ter feito a análise da actual situación do sector porque en Galiza, entre o mes de xaneiro do ano 2015 e xaneiro do 2016 “desapareceron 527 explotacións lácteas das 770 que desapareceron no Estado”, é dicir, “máis do 70%.

Intervención de Tereixa Paz

Se somos unha das rexións europeas coas mellores condicións para ser pioneiras na produción láctea, porqué non se está a incrementar a nosa produción e temos os prezos máis baixos mentres noutras rexións como Andalucía ou Estremadura, incrementouse a produción e tamén os prezos, preguntou.

A parlamentaria do BNG lamentou que a conselleira non anunciara as garantías sobre o prezo do leite “se vai ser a prezo de mercado no 60%, 70% ou 80% e o resto da porcentaxe a prezo de intervención en po”. Tereixa Paz tamén preguntou se a consellería está a facer un seguimento das industrias especializadas na compra de leite en po e no envase de leite líquida para marcas brancas porque, en opinión da deputada, poden estar incorrendo en fraude.

Tereixa Paz pide que o excedente de leite sexa destinado ás persoas refuxiadas

A deputada concluíu a súa intervención criticando os acordos de Bruxelas aos que cualificou de “suspenso rotundo” e de non conseguir que os prezos foran incrementados, “nin sequera foron capaces de sacar adiante unha intervención pública para sacar excedentes de mercado e destinalo á axuda humanitaria para eses miles de persoas que estamos a enterrar nos lodos da Europa Oriental”.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG