Tereixa Paz cualifica de "política criminal" os orzamentos de Medio Rural e Emprego

A deputada nacionalista rexeitou  os orzamentos por continuar na senda da privatización e  destrución do emprego e  cualificou de “política criminal” uns orzamentos que poñen en perigo a vida no mar e o futuro do agro.

A parlamentaria tamén dixo que as contas para o 2013 da Consellería de Medio Rural e Pesca teñen “moito bombo” pero  en realidade, continuarán na “senda da privatización”, na destrución de emprego e redución da capacidade produtiva de Galiza.

Trala comparecencia da conselleira, Rosa Quintana que afirmou manter as mesmas contías do ano 2012 para os servizos de salvamento marítimo e de loita contra os incendios, a nacionalista negou esta aseveración e explicou que o dispositivo de reforzo de loita contra os incendios forestais pasa de 23 millóns de euros a 4,9.

Servizo de salvamento marítimo máis caro

Sobre as partidas destinadas a salvamento marítimo, Paz considerou “un escarnio” a súa privatización, “véndelle dúas aeronaves a unha empresa privada por menos do custaron e no 2013 gastaremos 4 millóns de euros máis a través desa empresa”,ulo o aforro preguntou.

Para a deputada, esta circunstancia resulta “unha estafa a todos e todas as galeg@s” á que hai que sumar, dixo, as cantidades abusivas que deberan ser abonadas polas persoas involucradas nun accidente no mar, “esas si que son taxas disuasorias” para non facer uso dos servizos, ironizou.

“A política no ámbito do servizo de salvamento marítimo é unha política criminal” e acusou ao Goberno de non ter “escrúpulos” coa vida das persoas, morre xente no mar como aconteceu recentemente cunha percebeira en Oia mentres vostedes seguen practicando a súa política privatizadora coa que “non se aforra nada”.

Máis recortes para a loita contra incendios forestais e falta de apoio ao sector lácteo

Sobre esta cuestión, a deputada nacionalista preguntou se a diminución de 18 millóns de euros a respecto do 2012 no dispositivo de loita contra incendios forestais seguirá o mesmo camiño que salvamento marítimo.

Na súa intervención, Paz tamén aludiu á “maior e persistente crise do sector lácteo” que na súa opinión, non obtivo o apoio institucional necesario ao seren recortadas todas as axudas en máis de 70 millóns de euros, “acaban de eliminar tamén as axudas para as explotacións en extensivo” que foran convocadas no mes de outubro, días antes das eleccións autonómicas.

Acordos da Xunta cos produtores do leite “unha nova fraude”

De nova “fraude” cualificou Paz os acordos da Xunta cos representantes do sector lácteo galego e criticou que “a gran aposta” do Partido popular fora apoiar “Alimentos Lácteos” cun investimento de máis de cinco millóns de euros de cartos públicos sen que os gandeiros poidan recuperar as cantidades polas entregas do leite.

As explotacións gandeiras galegas tamén serán as grandes prexudicadas no pago único da reserva estatal, afirmou “recibirán catro euros mentres no resto do Estado serán cinco” e desaparece o programa de mobilización de terras agrarias que perde o 65,8 por cento dos recursos.

“Galiza é a única comunidade do Estado” que o ano pasado perdeu terra agraria e dereitos de pagamento da U.E, “vostede non deu ningunha explicación ao respecto” a pesar da importancia que isto ten para o noso País a pesar de que e as axudas estean condicionadas á propia superficie agraria, apostilou.

Finalmente, Tereixa Paz reiterou o seu rexeitamento a uns orzamentos que apostan por un modelo forestal fracasado, destrúe emprego, non garante o futuro galego na Política Agraria Europea e impiden poñer en valor os sectores pesqueiro e marisqueiro, “renuncian vostedes a utilizar os instrumentos do gobernos para potenciar os sectores estratéxicos galegos”, concluíu.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG