A realidade virtual que debuxa a propaganda do PP volveu repetirse durante a presentación no Parlamento dos orzamentos para 2014 da Consellería de Traballo e Benestar que dirixe Beatriz Mato.
Os datos contradín esta propaganda, salientou a deputada nacionalista Montse Prado, quen desmiuzou as cifras da Galiza real: 277.000 parados, estamos entre os territorios da UE que máis emprego destrúe, 41.000 desempregados máis que cando fai un ano presentou os anteriores orzamentos da súa consellería e o salario medio neste país e un 10% inferior á media estatal.
Galiza ten un 5% máis de paro que fai un ano pero a súa consellería baixa en 20 millóns de euros a partida destinada a políticas de fomento de emprego, denunciou a deputada nacionalista, quen tamén salientou que do total das persoas sen emprego, 180.000 non perciben ningún tipo de prestación. "Estamos nunha situación de emerxencia nacional", salientou.
Ás demoledoras cifras do mercado laboral galego, Prado suma os datos da mocidade emigrada, esa a que vostedes agasallan con maletas en actos no Gaias, en total 70.000 mozos e mozas menores de 30 anos.
Prioridades
A deputada do BNG salientou que se trata duns orzamentos que deixan claro a súa ideoloxía á hora de marcar as prioridades: primeiro pagar aos bancos, segundo pagar a débeda e despois atender ás persoas.
No aspecto social, Prado fixo fincapé na perda de poder adquisitivo dos pensionistas mentres que en paralelo o Ministerio de Facenda acosa fiscalmente aos emigrantes retornados, nun momento en que o único ingreso que entra en moitos fogares é precisamente o da pensión, todo coherente coa política do PP de seguir apertando o cinto aos que xa case nada teñen.
A beneficencia da Risga
Prado lamentou que a Xunta non leve a cabo unha reforma profunda da actual prestación que ofrece o subsidio da Risga para convertela nunha renda social, porque o perfil actual de moitos beneficiarios ten mudado incluíndo, por exemplo, a parados e paradas de longa duración. Unha partida que sube nos orzamentos de 2014 da Consellería de Traballo e Benestar porque cambian a falta dunha política de emprego por beneficencia, mentres "afogan aos concellos imposibilitando que sigan prestando servizos sociais".
Igualmente, desaparece a partida de inserción laboral, que pretenden substituír polas ETTs, denunciou Prado, e abren a porta a xestión privada da intermediación laboral, ata nisto camiñan cara a privatización.
Dinamización demográfica
En canto á política de dinamización demográfica, a deputada nacionalista salientou que emprego, salarios dignos e a reactivación económica serían as mellores fórmulas para conseguir incrementar a natalidade porque, a día de hoxe, simplemente non se teñen fillos porque non non hai capacidade para mantelos.
Vostedes renuncian a ter soberanía política, limítanse a xestionar os recursos que lle chegan de Madrid ou de Europa, pero non teñen nin estratexia para crear emprego, nin moito menos proxecto para Galiza, concluíu.