O sector do xeito en Bruxelas da man do BNG, logra o apoio do presidente da Comisión de Pesca

DELEGACION XEITO EUROCAMARA

DELEGACION XEITO EUROCAMARA

Primeira xornada de traballo da delegación do xeito convidada polo BNG a Bruxelas, que se salda co apoio do presidente da Comisión de Pesca, Alain Cadec, ás demandas deste sector de pesca artesanal que da traballo a 427 embarcacións ameazadas coa desaparición pola proposta normativa da Comisión Europea de prohibir o uso de calquera rede á deriva a partir do 1 de xaneiro de 2015.

A delegación, que encabeza a portavoz nacionalista no Parlamento europeo e secretaria de Política Internacional, Ana Miranda, está integrada polos patróns maiores das confrarías de Rianxo, Redondela, Cangas e A Pobra, xeiteiros de Rianxo, Cambados, A Illa, Moaña e Redondela, polo alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños, e polo portavoz parlamentario de Pesca do BNG, Daniel Rodas.

Mantiveron un encontro tanto co máximo responsable da Comisión de Pesca da Eurocámara como co directo xeral da Dirección Xeral de Pesca e Asuntos Marítimos da Comisión Europea, Hubert Gambs, quen tamén admitiu ante os argumentos dos xeiteiros que as redes que utilizan esta forma artesanal de pesca non son un problema desde o punto de vista medioambiental, ademais de confirmar que nin o goberno español nin a Xunta informaran ao Executivo comunitario da situación do xeito no momento da presentación da normativa.

Unha valoración que comparte o relator da Comisión de Medio Ambiente da Eurocámara, Marco Affronte, ao entender que nada ten a ver a forma de pesca artesanal que practica o xeito, sen impacto nas pesquerías, co uso do resto das redes a deriva que se propón prohibir. A portavoz nacionalista na Eurocámara, Ana Miranda, amosou a satisfacción do Bloque por estes apoios que, considera, “abren a porta para que o xeito sexa excluído desa prohibición xenérica”.

“Cadec mesmo cualificou de provocación que o xeito fose incluído nesa normativa”, subliñou Miranda en referencia a valoración do presidente da Comisión Europea.

Os representantes do sector do xeito denunciaron ante as autoridades comunitarias o feito de ter que ser eles mesmo os que acudan a Bruxelas a defender o seu medio de vida, en lugar de facelo o Goberno central e a Xunta. A delegación organizada polo BNG prosigue mañá coa axenda de reunións, neste caso coa relatora do informe sobre a prohibición de redes á deriva na Comisión de Pesca, Renata Briano.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG