O BNG recibe con satisfacción a destitución de Tomás Fernández-Couto, director xeral de Defensa do Monte nos distintos gobernos do PP dende 1996 e figura que ten representado “o peor da política do PP no referido á política forestal e de lumes no país”.
Así valora o cese a portavoz nacionalista de Montes, María González Albert, quen o cualifica de “boa noticia” aínda que advirte que o xa ex director xeral “só foi o brazo executor das políticas depredadoras do PP” polo que, segundo subliña, “os cambios de persoas á fronte de responsabilidades non significan nada en si mesmos se non se produce un cambio de rumbo drástico na xestión”.
González Albert cualificou de inesperado o relevo, logo de que o conselleiro do Medio Rural, José González, refrendase recentemente no cargo “a unha persoa cuestionada dende hai moitos anos, tamén polas traballadoras e traballadores do Servizo de Prevención e Defensa contra os Lumes”.
A deputada nacionalista sinala a Pérez-Couto como un dos máximos responsables da situación na que se atopa o monte galego a día de hoxe, se ben insiste en que “teñen que mudar as políticas na xestión forestal para que se priorice o ordenamento do monte sobre a política de extinción de lumes”. “Estas políticas depredadoras do PP téñense demostrado ineficaces para solucionar un problema, o dos lumes, que se ten cronificado baixo a súa xestión”, conclúe.