O candidato do BNG á alcaldía de Lugo afirmou, no acto central de campaña, “Somos a alternativa a un PP en caída e sen candidato e a unha Lara Méndez sen proxecto para Lugo”. Rubén Arroxo dixo sentirse convencido de que “as persoas que lle queren a Lugo votarán polo BNG” e engadiu “temos demostrado que alí onde goberna o BNG, a calidade de vida é indiscutible, os cascos históricos recupéranse e a mobilidade é premiada”.
A portavoz nacional, Ana Pontón, destacou que o BNG é unha forza á alza e que “a corrente de simpatía e de apoio ao proxecto que representa Rubén Arroxo é imparable”, por iso, “o 26M imos a por todas para darlle a Lugo o cambio real que merece e, para conseguilo, a candidatura que lidera Arroxo é a aposta segura”.
“É evidente que ninguén quere retroceder, a solución non está no vello bipartidismo de sempre, nin na versión dura do PP, nin na versión branda que representa o PSOE. Lugo non merece as mesmas políticas fracasadas que Feixóo está aplicando desde a Xunta, pero tampouco podemos seguir na parálise destes últimos anos”, argumentou.
Pontón pediu aproveitar estes últimos días de campaña para dar o empuxón final mobilizando á veciñanza, “falando con todo o mundo, con todas as persoas do noso entorno para explicarlles o proxecto de cidade e lograr encher as urnas de papeletas BNG o próximo domingo”.
“Lugo merece recuperar o pulso, merece avanzar, mirar o futuro con ganas, con optimismo da man dun proxecto político e dun liderado claro: da man de Rubén Arroxo e do BNG. Somos o motor que precisa esta urbe para poñer en marcha todo o seu potencial, temos experiencia e convidamos a veciñanza a confiar que se poden facer as cousas mellor, que hai un novo proxecto de cidade esperando para poñerse en marcha que aposta polas persoas, por servizos de calidade, por un Lugo feminista e en galego, por un Lugo que mira cara o futuro. Esa é alternativa do BNG”, concluíu.
Pola súa parte, a candidata ás eleccións europeas, Ana Miranda, avanzou que a loita contra a despoboación que tanto afecta á provincia de Lugo será unha das súas prioridades de traballo desde o Parlamento Europeo, “para fixar poboación no territorio e moi especialmente no mundo rural”. Igualmente, medidas para potenciar á industria transformadora tanto do sector leiteiro como agropecuario, -que xera valor engadido e mellores rendas para os e as produtoras-, sen renunciar a potenciar o comercio local con produtos alimentarios de proximidade”.
Miranda tamén fixo referencia á necesidade de impulsar medidas que favorezan a penetración de produtos agroalimentarios galegos nas grandes cadeas de distribución: “é unha mágoa que os nosos produtos, de gran calidade, teñan tantas dificultades para entrar nas grandes cadeas distribuidoras e moitas teñan como principal opción a exportación”.
Finalmente, e en relación ao horizonte temporal 2021-2027, tamén será unha liña de traballo conseguir que as axudas comunitarias estean vinculada á produción e non a mera propiedade da terra, en base ao principio de que a terra ten que beneficiar a quen a traballa, concluíu.
A eurodeputada e candidata do BNG ás vindeiras eleccións europeas, Ana Miranda, sinalou a necesidade de que Galiza teña representación “alí onde se toman decisións transcedentais para o sector agroforestal”. Miranda, que durante a tarde visitou unha destacada queixería de Vilalba, destacou o papel fundamental do sector agrogandeiro e forestal na comarca de Lugo e afirmou “cando o BNG está no Parlamento Europeo, Lugo e Galiza teñen voz e trasladamos todos os asuntos para darlles luz ante nun Parlamento no que solo nós falamos de Galiza”.
No acto interviu tamén a concelleira do BNG en Lugo, Maite Ferreiro, que apelou á necesidade de “convertir o concello de Lugo en referente pola aplicación transversal das políticas de xénero e anti-machistas en todas as áreas de goberno”. “Convertiremos a Casa da Muller no filtro lila da xestión municipal” dixo Maite Ferreiro. Tamén interviron no acto o número tres de candidatura, Alexandre Penas, e houbo unha actuación musical do dúo Raiceira.