A portavoz nacional, Ana Pontón, presentou a Rubén Arroxo como un candidato “de luxo” que ao longo destes tres anos levou a iniciativa política na cidade, demostrando que está preparado para liderar Lugo da man dun BNG cohesionado e cun proxecto claro.
“É un luxo para o BNG contar cunha persoa tan preparada e capaz como Rubén Arroxo, que nestes tres anos demostrou que tivo a iniciativa nos temas importantes na cidade, como a recuperación do barrio da Tinería, a recuperación do Río Miño como un espazo público de lecer para a veciñanza ou como na posta en marcha dun novo modelo de mobilidade para Lugo”, salientou Pontón durante o acto de presentación no que participaron máis de 200 militantes e simpatizantes.
A líder do Bloque destacou a aposta de Arroxo por un proxecto para construír unha cidade na que as persoas sexan o centro, como ten feito o BNG noutras urbes que hoxe son referente internacional como Pontevedra.
“Dunha vez por todas hai que deixar atrás o vello concepto das cidades ocupadas polos coches e recuperalas para as persoas, recuperar o espazo público para a cidadanía e desde ai construír unha urbe que se vertebre sobre o comercio local, sobre a recuperación do patrimonio, sobre a solidariedade e o feminismo, sobre a recuperación da nosa identidade”, indicou Pontón.
A portavoz nacional contrapuxo “o proxecto sólido para gobernar Lugo” de Arroxo coa “parálise” e a falta de rumbo do actual goberno local. “Lugo é unha cidade marabillosa cun enorme potencial, pero tamén é unha cidade castigada por un Goberno local paralizado e pola discriminación do Goberno central e da Xunta que, ano tras ano, repiten as mesmas promesas pero non son capaces de cumprilas”, salientou.
Para deixar atrás esa discriminación e recuperar o tempo perdido, “necesitamos un cambio no Goberno municipal capaz de dar a Lugo o lugar que lle corresponde desde a confianza na cidade, cun proxecto sólido con ideas claras e cun candidato preparado para liderar a cidade como é Rubén Arroxo”, sintetizou.
Nun acto de asistencia masiva, Pontón instou á militancia e simpatizantes a traballar “con ilusión e con entusiasmo” para aproveitar a oportunidade das vindeiras eleccións municipais, “cun BNG á alza que non se pon límites”.
Confianza, compromiso, solvencia
“Somos a alternativa na que pode confiar a veciñanza para darlle a volta a situación actual porque o temos todo: Persoas traballadores e honestas cun compromiso acreditado con esta cidade, un proxecto político para Lugo que nos permitiu levar a iniciativa mesmo desde a oposición e un candidato capaz, con ideas claras, cercano que coñece a cidade como a palma da man”, sintetizou.
Pola súa parte, o candidato Rubén Arroxo destacou que a formación nacionalista arrancaba a precampaña “co acto máis masivo do BNG de Lugo na última década, e iso avanza que o Bloque será o equipo revelación das eleccións municipais de 2019 pois estamos a ver unha gran cantidade de persoas novas, de veciños e veciñas que se achegan a nós porque están convencidos de que temos o proxecto político que vai facer que Lugo funcione”.
“O Bloque ten demostrado a súa capacidade de transformar os concellos nos que goberna e queremos facelo en Lugo a partir das próximas eleccións municipais cun apoio maioritario nas urnas. Estas eleccións son unha oportunidade, e imos a por todas traballando desde xa con ilusión e con entusiasmo para darlle unha nova oportunidade a Lugo que lle permita recuperar estes anos perdidos”, concluíu Pontón.