A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, solicitou hoxe a comparecencia urxente da Ministra de Sanidade e Asuntos Sociais, Ana Mato, para que acuda á Cámara a explicar por que razón aprobou unha Resolución hai uns días que introduce o copago farmacéutico para pacientes que precisan medicación hospitalaria ambulatoria y que afectará a doenzas tan graves como o cancro ou a hepatite C.
Rosana Pérez alude á Resolución do pasado 10 de setembro pola que se procede a modificar as condicións de financiamento de medicamentos incluidos na prestación farmacéutica do Sistema Nacional de Saúde, un novo copago farmacéutico que a partir de outubro vai gravar a 42 fármacos que se dispensan nas farmacias dos hospitais, e que perxudicará a enfermos crónicos de graves doenzas, mermando aínda máis os dereitos sanitarios das persoas que non poden vivir sen esa medicación.
Unha medida, puntualiza a deputada do BNG, que foi fortemente cuestionada por asociacións de enfermos crónicos e asociacións de pacientes, por profesionais sanitarios, por organizacións sociais e por moitas CC.AA que incluso anunciaron que non o aplicarán.
A parlamentar do BNG tilda a medida de inhumana e inxusta e vai contra os dereitos sanitarios elementais de persoas vulnerábeis que non poden vivir sen as medicacións, dependen vitalmente dos fármacos. Rosana Pérez afirma que máis unha vez o Goberno do PP carga contra os colectivos sociais máis débis, mentras continúa alimentando os intereses económicos dos poderosos, e tratando de converter a sanidade nun negocio para os seus amigos.
A deputada do BNG deixa claro que o BNG pídelle á Ministra que retire esta norma antes da súa aplicación en outubro, e advirte a Ana Mato que o copago farmacéutico en doenzas tan graves pode levar a persoas a suspender os tratamentos porque non poden asumir o pago dos fármacos. Debe ser consciente do que vai facer.