O grupo parlamentar presenta emendas contra os recortes sociais e económicos das oito consellerías do Goberno galego que serán rexeitadas na votación na última sesión plenaria dos orzamentos para o 2013
O debate das emendas do BNG aos orzamentos da Xunta remata tras o trámite de comisión, ponencia e sesión plenaria sen acadar que o PP acepte unha soa proposta nacionalista.
Os deputados e deputadas nacionalistas defenderon propostas contra uns orzamentos que van contra os máis débiles: desempregados e desempregadas do sector naval e do comercio, afectad@s polos desafiuzamentos, as preferentes, as taxas universitarias, recortes nos servizos sociais e falta de políticas de desenvolvemento económico de Galiza.
Emenda contra a fraude fiscal
O portavoz de Facenda, Carlos Aymerich propuxo unha emenda de 4 millóns de euros contra a fraude fiscal, o nacionalista afirmou que, sen embargo o PP non a vai a aprobar esta proposta, a pesar de ter esa fraude tan cerca das súas sedes.
Aymerich defendeu na súa intervención racionalizar o gasto da Consellería de Facenda destinando dous millóns de euros en gasto inmaterial para a loita contra a fraude fiscal porque manter isto, ironizou, é protexer a Conde Roa e a Bárcenas.
Medio Ambiente, territorio e infraestruturas
Ana Pontón cualificou de anormalidade parlamentaria que o PP non acepte ningunha emenda, nin sequera as destinadas a frear os desafiuzamentos.
Na súa intervención, Ana deputada do BNG, negou que os orzamentos da Xunta sexan sociais como defende o PP e propuxo mobilizar 82 millón de euros destinados a: política social de vivenda, transporte colectivo e a articulación dunha política real de protección da natureza.
A parlamentaria tamén avogou por outro modelo de xestión dos parques naturais galegos propoñendo un plan especial de protección e pola compostaxe e reciclaxe comarcalizado para xerar emprego fronte ao modelo de xestión de residuos que defende o Partido popular.
Adán reta ao PP a votar a favor do dique flotante
A deputada pediu ao Goberno galego "feitos" e non enganar as persoas afectadas pola crise do Sector Naval con acordos ficticios .
A portavoz de Industria do BNG dixo que na votación sobre a construción do dique flotante de Ferrol, o PP deberá demostrar a súa vontade de resolver a crise económica cun voto favorable ou polo contrario seguir cun debate trampa sen alternativas para miles de familias afectadas pola falta de traballo e a crise.
Teñen vostedes a oportunidade de votar a favor do dique flotante, dun centro de reparación en Ferrol e outro en Vigo e de expresar algo máis que palabras e vontades ou ben, retratarse diante da sociedade e seguir enganando as persoas afectadas pola crise do sector naval con acordos ficticios.
O BNG defende emendas por 20 millóns de euros para Política social
Para Tereixa Paz a Xunta debe prescindir de gastos superfluos e destinalos á atención das persoas que máis o necesitan.
Na defensa das emendas, a portavoz de Administración Pública e Xustiza afirmou que a propaganda e o marketing son para o Goberno de Feijoo a súa principal preocupación, porque necesita unha cobertura mediatica para que unha sociedade cada vez máis acosada polas políticas do Parido popular poida dixerir unhas contas que, sen dúbida algunha, agravarán a crise económica.
Neste sentido, defendeu emendas encamiñadas a reducir o gasto superfluo e financiar con 20 millóns de euros: asociacións sen ánimo de lucro que atenden as persoas que máis o necesitan, asistencia sanitaria para emigrantes, axudas aos concellos para infraestruturas deportivas, reactivación do tecido produtivo e promover e reactivar o turismo pola súa importancia no PIB galego.
O PP leva a Cultura polo camiño da sepultura
O portavoz de Cultura do BNG, Cosme Pombo apostou por retallar en partidas destinadas á Fundación Camilo José Cela, Cidade da Cultura e contenciosos contra o idioma galego fronte aos recortes previstos pola Consellería de Cultura para o ensino público galego.
Na defensa das emendas presentadas polo BNG aos orzamentos da consellería de Cultura, o parlamentario nacionalista manifestou que Galiza debe contar cun ensino público, galego, laico e gratuíto e para acadalo,dixo, defendemos 85 propostas nesta liña.
Pretendemos que a cultura,dixo, non remate no camiño da sepultura e por iso dende o BNG apoiamos os nosos sinais de identidade: a nosa lingua, a nosa cultura, o noso patrimonio e a pesares do recorte, en máis do 56 por cento nestes ámbitos, pretendemos apoiar a rede de teatros, a música ao vivo, as bibliotecas e as actividades culturais en todas as súas vertentes.