O BNG conseguiu este venres o respaldo unánime da Cámara para dúas proposicións non de lei, sobre a fraude das preferentes e sobre a devolución das indemnizacións millonarias dos ex directivos de NGB.
Neste último caso, a proposta nacionalista insta ao Goberno a que pida a intervención do Banco de España e do Ministerio de Economía para que tome as medidas oportunas para esixir a devolución das indemnizacións millonarias cobradas polos ex directivos de NGB así como os plans de pensións.
O deputado do BNG Henrique Viéitez trouxo de novo o debate destas indemnizacións ao Parlamento, á Comisión de Economía, porque considera que a Cámara galega non pode ficar allea nin mirar para outro lado ante unha situación escandalosa que suma un novo capítulo, o do compromiso por valor de 33 millóns de euros cando cheguen á xubilación.
Estamos ante unha auténtica ofensa ao cidadán e ao sentido común de calquera, que urxe rectificar
Para o parlamentar nacionalista, este novo dato, nun contexto no que os afectados polas preferentes siguen sen cobrar, no que se acaba de coñecer que fan falta 4.500 millóns de euros máis, alén dos xa investidos, para sanear NGB, e no que xa se perderon 1.200 empregos no primeiro ERE e 2.000 que se producirán co segundo e terceiro, fai necesario unha actuación urxente por parte da Xunta, pois estamos ante unha auténtica ofensa ao cidadán e ao sentido común de calquera, dixo.
Solución para as preferentes
Por outra parte, no transcurso da mesma comisión, tamén foi aprobada por unanimidade unha nova proposición non de lei do BNG sobre a fraude das preferentes.
A única solución para as preferentes é a recuperación total dos cartos, non as trocas por outros produtos nin recorrer á arbitraxe
O deputado nacionalista Carlos Aymerich insistiu en que a única solución para os afectados por esta estafa é a da recuperación total dos seus cartos, non as trocas por outros produtos nin recorrer á arbitraxe, como pretende a Xunta.
A iniciativa, transacionada cunha emenda do PP, insta, por tanto, ao goberno galego a demandar do seu homólogo español unha solución inmediata que permita recuperar o 100 por cento do nominal dos títulos subscritos.
Aymerich explicou que cumpría actuar de forma urxente ante a nova agresión que supón para este colectivo de afectados o Real Decreto Lei 2/2012, que coloca os intereses das entidades defraudadoras por riba do dos cidadáns.
O mesmo permite ás entidades de crédito diferir por un prazo de até doce meses o pagamento da remuneración prevista, pagamento diferido que se condiciona a que a entidade conte con beneficios ou reservas e predetermina tamén que a troca das preferentes non se fará polo seu valor nominal senón por unha porcentaxe do mesmo.
Nin trocas nin arbitraxe
O parlamentar do BNG insistiu en que non valen nin trocas nin a arbitraxe proposta pola Xunta, para os casos máis sangrantes e que os demais agarden a ver como lle vai á entidade, e reiterou que a solución é política.
O que non pode ser concluiu- é que pase o tempo e o problema siga sen resolverse, mentres sen ningún tipo de investigación nin de explicacións á opinión pública si se está dando resposta aos problemas da banca privada, e entre todos pagamos os seus buratos.