A portavoz nacional, Ana Pontón, pide unha explicación á ministra de Traballo, Magdalena Valeria, despois de que esta desbotase a posibilidade de rescatar para o público á factoría de ALCOA na Coruña, tal como propón o BNG, se a multinacional se nega a retirar o ERE de extinción. Por que o Goberno de Sánchez considera “solidario” rescatar á banca, pero tilda de “comunista” rescatar a centos de familias ameazadas de despido, pregúntase a dirixente do Bloque.
“Cal é o criterio do Goberno de Pedro Sánchez, supostamente de esquerdas, para despacharse dicindo que rescatar á banca con 60.000 millóns de euros públicos é solidariedade, e rescatar ALCOA para garantir o futuro de centos de familias na Coruña é comunismo”, interpela Pontón.
“Por que se pode rescatar a banca con 60.000 millóns de euros, porque se pode rescatar as radiais madrileñas con máis de 3.500 millóns de euros e non se pode rescatar ALCOA para garantir o emprego de centos de traballadoras e traballadoras na Coruña?”, se preguntaba, tendo en conta ademais que a actual ALCOA é o resultado da privatización dunha empresa pública.
A líder do Bloque tamén fixo unha pregunta directa á titular de Traballo. “Que estaría dicindo a señora Valerio se en lugar de ALCOA na Coruña estivesen en xogo 400 postos de traballo nunha empresa en Cádiz. Tamén falaría de comunismo?”.
Pontón denunciou o que considera un novo exemplo de discriminación das forzas estatais con Galiza. “Basta xa de que PP antes e PSOE agora discriminen a Galiza”, sexa ALCOA, sexan as peaxes da AP9, sexa a tarifa eléctrica, ao tempo que insistiu na urxencia de conseguir levantar o ERE de extinción e, se a multinacional persiste, “rescatar para o público de ALCOA a través da SEPI. E posible facelo, e hai que facelo para garantir a continuidade da produción e do emprego”, concluíu.