O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, interpela o Goberno e reclama anular a concesión da AP-9 e impulsar a transferencia á Galiza. Despois de que a Comisión Europea abrise de novo un procedemento de infracción ao Estado pola ampliación do prazo na concesión, Rego exixiu ao ministro de Transporte pór fin á concesión e que a autoestrada do Atlántico pase a ser “galega e libre de peaxes”. O deputado do BNG sinala que facelo “é cuestión de vontade política, mais tamén unha cuestión de xustiza e para reparar un discriminación histórica coa Galiza” que suscita acordo social maioritario.
“A reclamación que hoxe trae aquí o BNG, partillada maioritariamente pola sociedade galega, de que deixemos de pagar a estafa legalizada que implican as peaxes da Autoestrada do Atlántico é non só socialmente xusta, se non que ademais se axusta á legalidade” sinala o deputado do BNG.
Néstor Rego defendeu pór fin á concesión da autoestrada por xa termos pagada esta infraestrutura “nos cincuenta anos de portaxes” e rematar coa discriminación histórica que sofre a Galiza. Unha discriminación agravada por tres feitos: carecer dun sistema público de transporte á altura das necesidades, cunha poboación dispersa e pola posición xeograficamente periférica na península e en Europa. Mais a estas, indica o deputado do BNG, hai que engadir unha cuarta realmente importante. “O mantemento das portaxes na AP-9 representa non só un castigo para todos os galegos e galegas senón unha clara discriminación coa Galiza” sentenza.
Rescate para Madrid si, para a Galiza non
“Señor Puente, non nos veña con escusas de mal pagador, custe o que custar é evidente que sempre será máis favorábel para os intereses públicos pór punto final á concesión da AP-9 que seguir regalando diñeiro de todos os galegos e galegas a unha empresa privada que fai un negocio escandaloso coas peaxes” asevera o deputado do BNG. “Os galegos e galegas”, sinala Rego, “estamos un pouco fartos, por non dicir moi fartos, de que sempre se cuestione a utilidade dos investimentos ou do destino de recursos ao noso país”.
Rego desmonta o argumento elaborado por Puente a respecto do custo de 4 000 millóns de euros como o gran impedimento para proceder ao liberar de peaxe AP-9 xa que o Goberno nin encargou un estudo do custo real da AP-9. “Algunhas outras estimacións sitúano ao redor dos 2 000 millóns de euros, ou entre 2 e 3000 millóns de euros, mais eu quero lembrarlle que o goberno no ano 2021 procedeu a aprobar unha reserva de crédito de 2300 M€ entre ese ano e 2048 para custear as bonificacións que se establecían na AP-9” recorda o deputado do BNG.
É dicir, o goberno está disposto a regalar 2300 millóns de euros a unha empresa privada de capital foráneo no canto de destinar eses mesmos recursos para converter en gratuíta AP-9, co efecto positivo que iso tería no desenvolvemento social e económico da Galiza. É un absurdo do punto de vista político e do sentido común.
“Pode vostede dicirme canto custou realmente o rescate das autoestradas radiais madrileñas? 4000? 5000 millóns de euros?” pregunta Néstor Rego a Óscar Puente. De facto, aínda hoxe non se sabe con certeza, por que ese rescate se produciu con absoluta opacidade. “Mais o certo é que as forzas políticas maioritarias no Estado, o Partido Popular e o Partido Socialista nunca cuestionan o uso de recursos públicos cando o seu destino é Madrid; parece que iso o xustifica absolutamente todo. Pola contra, os galegos chegas estamos afeitos ter que pelexar por cada euro que, quero lembrar, non é ningún agasallo do Estado senón que sae dos nosos impostos” denuncia Rego.
Vontade política e aplicación da legalidade
O obxectivo do BNG sempre foi que a AP-9 pase a ser unha autoestrada libre de peaxe e, para alén de non lle faltar razóns, tampouco faltan argumentos xurídicos. “En 2021, a Unión Europea abriu un expediente de infracción ao Estado español por considerar que as prórrogas da AP-9 se produciron de forma ilegal ao non cumpriren o principio de concorrencia competitiva. Máis recentemente, neste mesmo ano, a UE abre un novo expediente de infracción ao Estado español polo mesmo motivo” lembra. De feito, existen precedentes de casos similares que foron xa resoltos anulando a concesión.
“Onte, por certo, coñeciamos que a última parte de capital que estaba en mans de empresas do Estado español deixou de selo ao vender Globalvía a súa parte ao fondo holandés APG. Que sentido ten que continuemos pagando e sacrificando o noso futuro e o noso desenvolvemento para satisfacer a ambición de maiores lucros por parte de empresas que mesmo levan eses lucros non só fóra da Galiza senón fóra do Estado español?” pregunta retoricamente.
Un ministro de Transportes sen mapas no ministerio
En relación coa transferencia á Galiza, o ministro de Transportes empregou, segundo sinalou o deputado do BNG, “un manido argumento para se opor a ela, un argumento que xa foi abandonado hai tempo por outros responsábeis políticos porque é radicalmente falso”: que a AP-9 é unha vía internacional que conecta con Portugal. “Chega con ollar un mapa para comprobar que non é así, que a vía que conecta coa A-3 portuguesa é a A-55. Supoño que terán mapas no Ministerio, senón, déixolle eu este para que certifique o seu erro” ironiza o deputado nacionalista.
Polo tanto, continúa Rego, “non existen razóns para non transferir a AP-9, como non as hai para non finalizar a concesión e que pase a ser unha autoestrada galega e libre de portaxes”.