A deputada cualifica de indigno, inhumano e indecente cobrar os medicamentos a doentes crónic@s de cancro, leucemia ou dexeneracións musculares
Pleno-.A deputada do BNG, Montse Prado afirmou hoxe, tras a comparecencia da conselleira de Sanidade, Rocio Mosquera, que unha vez máis, o PP pretende convencernos dunha realidade virtual que só existe na propaganda e emprazou ao Goberno galego e a titular de sanidade a non aplicar o copago de fármacos para doentes crónicos.
A realidade, dixo, é que o Partido popular ten sometida á sanidade galega a unha política de acoso e desmantelamento.Neste sentido, acusou á Mosquera de continuar coa estratexia da anterior conselleira da Sanidade, Pilar Farjas, establecendo un modelo de colaboración cos centros sanitarios privados, unha das poucas cousas, dixo, que vostedes si fixeron con éxito.
A nacionalista destacou o grande labor d@s profesionais sanitari@s, que na súa opinión, son @s que están a salvar a sanidade galega tendo en conta que o PP, explicou, segue fielmente os ditados de Madrid aínda que as competencias colidan. Renuncian vostedes a exercer o goberno dixo, e lembrou que o pasado día 19 o Goberno español perpetrou un novo atraco ao deixar de ser dispensados sen custe, 42 medicamentos para enfermos crónicos afectados de cancro, leucemia, hepatite ou dexeneracións musculares.
Unha medida que castiga a doentes crónicos
Neste sentido, cualificou de indigno, inhumano e indecente poñer novas trabas a poboación máis vulnerable e emprazou á conselleira de Sanidade a non aplicar esta medida en Galiza, siga vostede o exemplo doutras comunidades autónomas tamén gobernadas polo PP que xa manifestaron en contra deste novo atraco á enfermidade.
A parlamentaria criticou o relatorio de medidas postas en marcha por Sanidade e o silencio de Mosquera sobre cuestións que si preocupan a sociedade entre as que destacou as listas de espera, o copago de medicamentos e o deterioro constante da sanidade pública.
Nesta liña, destacou que no ano 2012 entrou en vigor o decreto para a sostentabilidade do sistema sanitario que cambio radicalmente o modelo de prestación sanitaria, un conxunto de medidas aprobadas polo Goberno español que dende a Xunta aplicaron obedientemente a respecto do transporte sanitario, repago nos medicamentos, reducións de prestacións ortoprotésicas, drogodependencias, anticonceptivos... e a inmoralidade de cobrarlle agora tamén aos enfermos crónicos.
Finalmente, Prado denunciou a posta en marcha dunha política sanitaria que pon en risco a saúde das persoas e que o Partido popular segue tentando vender a través de continúos exercicios de propaganda.