parlamento galego

O PP vota en contra e o PSOE abstense na proposta do BNG para ceder o pazo de Meirás á Xunta

Luís Bará
Luís Bará

Luís Bará demanda  recoñecer, no acto de apertura do Pazo, o labor de  todas as  persoas e entidades que loitaron pola devolución  e convertelo nun lugar da Memoria en Galiza

Considera que  no banco dos acusados deben sentarse os Franco polo roubo, e o Franquismo por asasinar,  atemorizar, violar, extorsionar e  converter o Estado nunha maquinaria de corrupción

O deputado do BNG, Luís Bará reclamou, a través dunha proposición non de lei, a cesión do Pazo de Meirás á Xunta e a súa  xestión ás  institucións e Consello Asesor que participaron na reclamación.

Ao comezo da súa intervención, o nacionalista amosou unha fotografía dunha manifestación ante o Pazo de Meirás e pediu o recoñecemento  para todas as persoas e entidades que marcaron un camiño que fixo posible que chegaramos até aquí. “Gracias por imaxinar que era posible, pola loita política e social”.

Recoñecemento ás persoas e entidades

Neste sentido, pediu celebrar na apertura de Meirás un acto de recoñecemento a todas as persoas e entidades que loitaron pola devolución do Pazo  e destacou o libro dos autores, Carlos Babío e Manuel Pérez Lorenzo, editado pola Fundación Galiza Sempre, tras unha década de investigación. O noso recoñecemento e gratitude, para sempre e o noso apoio incondicional porque continúan sendo denunciados e tamén o noso apoio aos 19 de Meirás, pendente dun xuízo no que piden máis de 300 anos de cadea e 500.000 euros de multa. No banco dos acusados, dixo o nacionalista debía sentarse “a familia Franco polo roubo e o Franquismo, por asasinar, atemorizar, violar, extorsionar e  converter o estado nunha xigantesca maquinaria de corrupción”.

Como  se pode explicar que a familia Franco gozase máis tempo do pazo de Meirás en “democracia” que na Ditadura: 45 fronte a 37 anos.

Como se pode explicar que despois de 42 anos de réxime constitucional sigan vixentes “títulos aberrantes e insultantes” como o Ducado de franco ou o Señorío de Meirás? Pois porque a Casa Real e todos os gobernos do Estado os confirmaron e renovaron ao longo de 45 anos, asegurou.

Operación perversa da Xunta e o PP  para falsificar a memoria

Agora que se conseguiu un grande logro histórico, froito da mobilización,  investigación e  traballo institucional, explicou Bará,  o PP quere crear “unha cortina de fume” para “branquear o franquismo” como ocorreu na Illa da Memoria de  San Simón, en realidade convertida en  Illa do Esquecemento onde todo cabe, “Illa dos poetas, de piratas, de monxes e gincanas en busca de tesouros nas festas de Hallowen”. Vostedes, sentenciou, “teñen aversión á memoria do franquismo e do antifranquismo”. Esta actitude é mo perigosa porque banaliza o mal como afirmaría a filósofa Hannah Arendt,  ofende a memoria das vítimas  e falsea a historia.

Bará insistiu na reclamación de ceder o Pazo  á Xunta  e convertelo nunha lugar para contar toda a historia, dende a súa orixe coa escritora Emilia Pardo Bazán á Ditadura polo que propuxo un “uso arredor da Memoria Democrática Galega e un Centro internacional  referente para a historia das Ditaduras, dos fascismos, e da loita democrática”.

Meirás, concluíu o nacionalista,  ten que ser “unha aula viva da convivencia e da intelixencia, unha escola de democracia, de xustiza, e de dignidade colectiva”,  a antítese do que foi durante máis de 80 anos. “O punto de partida para desenvolver unha política pública de memoria en Galiza”.

A proposta nacionalista foi rexeitada  polo Partido popular e a abstención do PSOE.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG