A través dunha proposición non de lei, a deputada do BNG, Olalla Rodil pediu o compromiso da Cámara galega para “garantir a xestión pública” das sete residencias cuxa construción está prevista nas sete cidades galegas.
A proposición non de lei defendida polo BNG foi rexeitada polo grupo parlamentar do Partido popular.
Na defensa da proposta, Rodil pediu aos deputados e deputadas facer un exercicio colectivo e pensar por un momento que 87% das escolas ou o 87% das camas dos hospitais en Galiza fosen privados. Que 9 de cada 10 centros de saúde fosen privados e que o 20% pertencesen a un fondo de investimento ou fondo voitre.
Isto, dixo é algo semellante ao que acontece en Estados Unidos e hai países nos que os servizos, como a sanidade, están privatizados e excluíndo a quen non os pode pagar. As empresas que operan no sector, afirmou Rodil, só teñen un obxectivo: “gañar cartos, mesmo a costa da vida, ou da morte das persoas” e quero pensar, dixo, que entre nós non hai ninguén que considere o sistema sanitario estadounidense un exemplo a seguir.
Se para a maioría da poboación galega sería inadmisible que a práctica totalidade da educación ou da sanidade estivese en mans privadas, resulta “inaceptable” que o coidado das persoas maiores si o estea, recalcou.
Pode a administración pública estar ausente de servizos sociais que deben garantir dereitos fundamentais como o dereito a unha vellez digna? Ou que unha persoa deba agardar dous anos dous anos para a acceder a unha praza pública, preguntou.
Precisamos un debate profundo sobre os coidados e a atención en residencias, e sobre o tipo de titularidade na xestión dos centros porque en “Galiza o número de prazas públicas apenas representan 2 de cada 10”.
Vivimos nun país no que o 25% da poboación ten máis de 65 anos e a tendencia é aumentar o envellecemento poboacional. Non só porque aumente a esperanza de vida, senón porque en Galiza as persoas maiores teñen e terán un peso cada vez maior na pirámide de poboación.
Un dos retos é envellecer con garantías de benestar social e aí radica a nosa proposta. “Fortalecer o sistema público para garantir o dereito a unha vellez digna”. Porque é “un dereito, non é caridade nin negocio nin desigualdades”, reiterou a deputada.
Na actualidade, explicou, DomusVi acapara o 20%, 4.737 prazas, en 30 centros dos cales, o 40% son de titularidade pública. A drenaxe de fondos públicos cara ás empresas privadas e entidades relixiosas que copan o sector das residencias é inxente e seguimos descoñecendo que cantidade de cartos públicos paga Galiza para manter este sistema de privatización dos dereitos sociais.
De verdade, non lles suscita ningunha dúbida sobre o modelo de residencias que máis do 99,4% das persoas falecidas se rexistrara en centros privados ou de xestión privada?, concluíu a deputada do BNG.