parlamento galego

O PP vota en contra da iniciativa do BNG para elaborar medidas económicas e sociais dirixidas ao sector da hostalaría

Daniel Perez
Daniel Perez
Daniel Pérez defendeu crear  unha mesa técnica coa participación da Xunta,  Administracións locais, representantes do sector hostaleiro, Consello  Galego de Economistas e as Universidades galegas e impulsar o diálogo co sector

O obxectivo da proposta do BNG defendida polo deputado, Daniel Pérez na comisión de Industria centrábase na creación dunha mesa de traballo “técnica” coas Administracións locais, economistas do Consello Galego de Economistas,  as tres Universidades galegas e a Xunta de Galiza ao fin de elaborar actuacións económico-sociais cara o sector da hostalaría e trasladar as medidas, dentro das competencias do goberno español, ao goberno do Estado.

O parlamentario do BNG lamentou que, unha vez máis o Partido popular mostrara a súa oposición á proposta nacionalista na liña de reactivar un sector gravemente danado polas restricións da COVID. Neste sentido, lembrou que o Plan de reactivación para hostalería e cultura do mes de abril, resultou “un exercicio propagandístico” que deixou a moitas hostaleiras e hostaleiros fóra das medidas anunciadas. Os crédito brandos “non tiveron aceptación” ante a incerteza da evolución da pandemia e o “medo a endebedarse”.

Daniel Pérez explicou que as liñas de axuda abertas para dixitalización e instalación de terrazas  esixían un desembolso previo dos hostaleiros, nun momento de falta de liquidez para o sector, e no caso das axudas para a dixitalización, aínda a día de hoxe,  seguen agardando polo abono do 50% restante da subvención,  “dez meses despois da súa publicación”.

Por outra parte, considerou que a decisión de Feixóo de levantar as restricións e limitacións de movemento no Nadal foi “precipitada” e a  consecuencia foi unha  terceira onda e a necesidade de decretar novas medidas restritivas para controlar a pandemia, decisión que novamente afectou de forma negativa á hostalaría.

As declaracións do vicepresidente primeiro Rueda anunciando que o ocio nocturno podería abrir no verán e emprazando aos representantes destes negocios a reunirse, moito nos temos, afirmou, que sexa  “outro globo sonda” para esta parte do sector da hostalaría e as  reaccións do sector, tras os  diferentes anuncios de novas medidas do goberno tradúcense en  “insuficiencia de axudas, improvisación e precipitación das medidas de prevención, desilusión e sobre todo,  falta de diálogo”.

Neste sentido, o nacionalista trasladou ao Parlamento as demandas do sector. A  plataforma galega en defensa da hostalaría, que engloba a 4.000 empresas repartidas por todo o pais, ou a plataforma de turismo e hostalaría da costa da morte,  que reúne a 765 empresas que sosteñen a máis de  2.500 familias piden ao goberno que adopte medias afectivas e que “escoite a unha representación ampla e plural do sector”.

O goberno galego, con Feixóo ao fronte, indicou o deputado,  está obrigado a saír ao auxilio dos sectores afectados pola pandemia, e nomeadamente, do sector da hostalaría, adoptando “decisións valentes e suficientes” ademais de esixir do goberno español aquelas medidas que lle correspondan por ser de competencia estatal. Sen embargo, hoxe mesmo, tivemos a oportunidade de constatar que o Partido popular non está disposto a un plan de rescate a medio prazo ou a  axudas directas e medidas tributarias para paliar as consecuencias da COVID na hostalaría. Mesmo impiden  crear unha “Mesa técnica de traballo” na que estean presentes a propia Xunta de Galiza, Administración locais, unha representación ampla e plural do sector da hostalaría, así como economistas pertencentes ao Consello Galego de Economistas e as Universidades galegas co obxectivo de “consensuar e levar a cabo actuacións económico-sociais por parte do Goberno galego, e si son de competencia estatal dirixilas ao goberno do Estado.

 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG