O portavoz de emprego do BNG, Daniel Pérez defendeu unha proposición non de lei sobre a ampliación do polígono industrial de Carballo e acometer as obras da circunvalación para desconxestionar o tráfico pesado nas zonas urbanas e favorecer a saída do transporte en dirección a Santiago e Sur de Galiza.
O deputado nacionalista lamentou que o PP votara en contra da proposta do BNG e explicou que asentarse no polígono industrial de carballo supón acceder a un parque industrial de grandes dimensións e dos máis extensos de Galiza. O parque, engadiu, cumpre coas todas as vantaxes para a implantación de empresas con gran actividade económica, e cos “servizos e subminístros” vitais para a actividade produtiva e comercial das empresas como: o viveiro de empresas para favorecer o emprendemento, punto limpo de titularidade municipal, espazos para aparcamentos gratuítos con zonas para vehículos pesados e camións, un sistema gratuíto de correo e mensaxería interna. Asemade das zonas verdes, de ocio ou servizos de hostalaría e unha gasolineira e parque de bombeiros no proio polígono.
Para o deputado, o polígono de Carballo constitúe, xunto ao de Laracha e Arteixo, un ”eixo industrial” de gran dinamismo, cun importante crecemento que se pode ver potenciado cunha decidida aposta pola conexión ferroviaria con Punta Langosteira.
Esta infraestrutura, dixo, suporía, na súa opinión, “un salto cualitativo” para transformar o polígono de Bértoa nun importante polo de desenvolvemento económico a nivel provincial e autonómico pero todo indica, que o Partido popular “non está disposto a darlle este pulo”
Circunvalación para reducir o tráfico pesado en núcleos urbanos
Por outra parte tamén lamentou que o PP vetara o trámite para as obras da circunvalación que permitiría retirar o tráfico pesado de zonas como a escolar e deportiva do Chorís ou o pavillón deportivo, a piscina municipal e colexio fogar, un dos que máis alumnos acolle en todo país.
A circunvalación, recalou Daniel Pérez, facilitaría “ a saída dos transportistas do polígono en dirección a Santiago e ao Sur de Galiza”, unha demanda do empresariado e os propios veciños e veciñas de Carballo.
Os empresarios e empresarias continúan preguntando polas verdadeiras razóns para non iniciar a ampliación do polígono. Esa ampliación, aseverou, o deputado “é só unha cuestión de vontade política” e resulta “inxustificable” que non se fixese e se perderan importantes oportunidades na instalación de empresas porque se unha empresa se asenta no polígono industrial de Carballo beneficia non só ao municipio, senón tamén a “toda a comarca de Bergantiños e á Costa da morte”.
Este polígono é “un auténtico motor económico para estas dúas comarcas para a creación de creación de emprego “do que non podemos prescindir” sobre todo despois das políticas de “terra queimada” aplicadas nos anos de goberno do PP, que converteron a Costa da Morte nun “ermo industrial”.
Só quedan “as fábricas de Xeal en Cee e Dumbría”, ameazadas por unha redución constante do emprego e da produción mentres a Xunta de Feixóo, “el madrileño” ou C.Tangana, “mira para outro lado”.
“Non hai tempo que perder” e cada día que pasa sen esta ampliación, “pérdese a oportunidade de xerar emprego, riqueza e benestar” por iso solicitamos o apoio de todos os grupos da Cámara para “axilizar a redacción do proxecto de ampliación e que se efectivice en 9 meses e non se esgote o prazo total, que serían 18”.
Dani Pérez concluíu a súa intervención apelando ás políticas dirixidas a mellorar “a calidade de vidas das veciñas e veciños” e nesta liña lembrou que ía a iniciativa do BNG pero unha vez máis, o PP mostra unha “irresponsabilidade imperdoable e sen xustificación” dando as costas ao sector empresarial e veciñanza de Carballo.