En véspera da celebración do 8M e nun contexto no que organizacións políticas da dereita volven á carga coa regulación dos ventres de alugueiro, o BNG trasladou ao Parlamento unha proposición non de lei para que a Cámara galega pechase filas contra unha práctica que considera unha nova forma de explotación e de discriminación das mulleres.
“Un debate promovido con entusiasmo e urxencia por axencias internacionais, despachos de avogados e as parellas contratantes que atopan dificultades crecentes para inscribir as crianzas mercadas a través do alugueiro dun útero”, denuncia a viceportavoz parlamentaria, Olalla Rodil, “detrás deste debate está o inmenso e lucrativo negocio que envolve os ventres de alugueiro”.
Rodil subliñou que a maternidade e a paternidade “son desexos lexítimos, pero non un dereito que debe ser satisfeito vulnerando os dereitos das mulleres, nin se pode rexer pola lóxica de mercado”, e citou o documento da Eurocámara Informe anual sobre os dereitos humanos e a democracia no mundo.
Ese informe definía os ventres de alugueiro como “unha práctica contraria á dignidade das mulleres, xa que o seu corpo e as súas funcións reprodutivas son empregadas como materia prima”, e instaba a que se prohiba internacionalmente por implicar “a utilización do corpo con fins financeiros ou doutro tipo, en particular no caso das mulleres vulnerábeis nos países en desenvolvemento”.
Lonxe do que se quere agochar con eufemismo como “maternidade subrogada”, Rodil denunciou esta nova explotación da muller, pois tanto ela como a crianza son sometidas a un contrato mercantil de compra-venda cuxo coste oscila entre 50.000 e 240.000 euros en función do país.
“Viron algunha vez un contrato de ventres de alugueiro?”, interpelou Rodil durante o debate da proposición non de lei do Bloque, “porque rara vez se fala diso nesa idea dulcificada e banalizada do que supón alugar un útero”.
A partir do momento da sinatura do contrato, as mulleres perden a posibilidade de adoptar calquera tipo de decisión sobre os seus corpos en virtude das cláusulas do mesmo. Todo queda regulado nese contrato, desde a alimentación, o estilo de vida e hábitos, até a posibilidade de manter relacións sexuais durante o embarazo pasando, por suposto, pola posibilidade ou non de interromper ese embarazo de maneira voluntaria.
Para garantir que as condicións do contrato se compren, nun país como Ucraína, principal capital dos ventres de alugueiro, “existen inmobles nos que monitorizan e vixían con cámaras as mulleres durante as 24 horas do día, control que as axencias venden como reclamo publicitario”, explicou a viceportavoz parlamentaria.
“Parece unha distopía máis propia dunha novela de Huxley ou do que hoxe se narra no Conto da Criada”, denuncia Rodil.
No Estado español, a principal asociación a prol da legalización desta práctica promoveu unha iniciativa lexislativa popular que recolle no seu artigo 5.4 que se a muller xestante por subrogación, “que sen eufemismos é o corpo alugado”, se acolle á interrupción do embarazo deberá devolver calquera cantidade que tivese recibido dos proxenitores subrogantes, “que sen eufemismos son a parte que contrata”, e indemnizarlles polos danos e prexuízos causados.
En definitiva, concluíu Rodil, trátase dunha nova modalidade de explotación da muller polo que instou ao Parlamento galego a posicionarse en contra “da legalización, regulamentación e banalización desta práctica por constituír unha forma de mercantilización do corpo das mulleres, especialmente das empobrecidas e vulnerábeis, e a favor de disuadir e impedir esta práctica, non só no Estado español senón a nivel global, como reclaman as institucións internacionais”. Proposta que non prosperou polo veto do PP.