A viceportavoz nacional do BNG, Olalla Rodil, denunciou esta mañá o veto do PP no Parlamento dunha declaración institucional a favor dos dereitos das mulleres e en contra dos ventres de aluguer.
“Despois de oito días cunha proposta de declaración”, indicou Rodil, “o Partido Popular intenta boicotear a aprobación da declaración institucional dando a calada por resposta e impedindo que o Parlamento se posicione sobre unha cuestión fundamental que afecta directamente aos dereitos das mulleres e da infancia”.
O BNG, como a maioría dos galegos e das galegas, fixa a súa posición amosándose en contra desta práctica, que supón unha explotación dos corpos das mulleres, especialmente das máis empobrecidas, e que reduce as nenas e os nenos a unha mercadoría que se pode comprar e vender.
A viceportavoz parlamentaria lamenta que, nunha cuestión con tanto calado social, o PP non se pronuncie de xeito claro e contundente, subliñando que “o Bloque está do lado das mulleres e dos seus dereitos e liberdades, do lado de protexer aos nenos e nenas e defenderá con contundencia que non poden ser tratados como mercadorías”.
“Parece que o PP, unha vez máis, está situado no lado contrario da historia cando se trata de avanzar en dereitos e igualdade”, indicou, preguntándose se “este silencio se debe a que poidan estar de acordo en que os corpos das mulleres se aluguen ou con que se poidan mercar nenos e nenas coma se fosen un produto a medida”.
Tras constatar o silencio do PP fronte a unha cuestión de gran importancia para o conxunto da sociedade, Rodil avanzou que “o BNG levará a votación ao Parlamento o contido da declaración institucional”.