O PP seguirá agochando información á cidadanía incumprindo a lei

Iago Tabarés
Iago Tabarés
Veta no Parlamento a iniciativa do BNG para que a Xunta cumpra a lei e facilite a información solicitada polas deputadas e deputados

BNG defendeu unha iniciativa no Parlamento galego para instar á Xunta a que, de conformidade coa legalidade vixente e con pleno respecto ao dereito fundamental de participación, atenda os requirimentos de información ou documentación solicitados na Cámara, unha proposición non de lei na que tamén propuxo que o Parlamento inste, mesmo na vía xudicial, as accións oportunas para evitar a vulneración deste dereito de deputados e deputadas e que foi vetada polo grupo parlamentario do PP.

O portavoz nacionalista de Institucional e Xustiza, Iago Tabarés, denunciou a vulneración sistemática dos dereitos dos e das deputadas galegas, “tendo claro que os incumprimentos da Xunta con este Parlamento son incumprimentos coa cidadanía e que, en modo algún son inocentes, xa que o que pretenden é agochar as irregularidades ou, non mellor dos casos, a súa mala xestión”.  

Tabarés recalcou que o dereito das e dos parlamentarios a obter información e documentación é “un dereito que integra o núcleo esencial do labor de control da acción de Goberno” e, neste sentido, recordou que só pode ser rexeitado por motivos legais, “dentro dos que non está que o asunto estea xudicializado, mesmo nun asunto sumario declarado secreto”.

De igual xeito, advertiu que o Tribunal Constitucional xa declarou que a esixencia a deputados e deputadas de acudir ao Executivo para examinar a información solicitada “é contraria ao dereito fundamental”, algo ao que, segundo reprobou, “o Goberno galego recorre frecuentemente nos poucos casos que permite o acceso a expedientes”.

O deputado do Bloque denunciou que das 546 solicitudes de información e documentación requiridas á Xunta en virtude do artigo 9º do Parlamento “vostedes só consideran realizadas 129, é dicir, o 23% é o que vostedes considera atendido, nin sequera que o sexa realmente”, reprochou para subliñar a continuación que dentro destas hai algunhas “que en ningún caso foron respondidas”, entre as que citou ás solicitudes por parte do BNG dos informes de Patrimonio sobre a construción dun albergue pegado ao Mosteiro de Oseira ou do importe anual abonado por traballos de seguridade privada. “Por que se negaron e se negan a que a sociedade coñeza a súa tolerancia cos incumprimentos nas residencias de maiores?”, engadiu con severidade.

Sobre este último tema, Tabarés afirmou que o Executivo do PP sabía que as residencias non se inspeccionaban regularmente -“no mellor dos casos, unha vez cada tres anos”, advertiu-, que a inspección encontrou mesmo alimentos caducados ou en mal estado nalgún caso e que se dan incumprimentos nas ratios de persoal que mesmo provocou nalgúns casos medidas de suxeición mecánica sen consentimento e control xudicial. “E a Xunta non comunicaba, nin comunica, esa circunstancia aos xulgados”, recriminou, para engadir que “vostedes néganse a facilitar as PCRs realizadas ao persoal e residentes en centros nos que existiron importantes gromos con fatais consecuencias”.   

A estes casos tamén sumou o do informe sobre o estado das estruturas da Cidade da Xustiza de Vigo -obra na que se acumulou un sobrecuste de case 10 millóns de euros-, exemplos todos eles que, ao seu xuízo, son boa mostra da falta de respecto á democracia do Goberno do PP. “O que está facendo a Xunta é de enorme gravidade porque está a lesionar a institución chave do funcionamento democrático”, concluíu. 
 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG