O deputado do PP, Martínez Pujalte, subiu á tribuna do Congreso dos Deputados esta tarde para afirmar que votaremos que non á proposición de lei do BNG para solucionar de xeito definitivo o problema das participacións preferentes, desde a conciencia limpa, tranquila e serena.
O deputado do PP fixo estas sorpresivas afirmacións após dunha intervención centrada en loubar a iniciativa do BNG, para finalmente ao final da súa intervención ofrecer a versión habitual do PP que vota unha cousa na Galiza e a contraria nas Cortes do Estado.
Precisamete por este motivo e coñecendo a traxectoria do PP, Olaia Fernández Davila dirixiuse ás bancadas do PP para pór de relieve que non se entendería na Galiza que vostedes votasen en contra desta proposta de lei, lembrando que na Cámara galega votaran a favor da iniciativa do BNG.
Davila explicou no Pleno que o BNG trouxo a esta sesión unha proposición de lei que demanda modificar a Lei 9/2012, de 14 de novembro, de modo que se garanta a devolución íntegra do valor nominal das participacións preferentes e outros instrumentos híbridos de capital e débeda subordinada.
A portavoz do BNG no Congreso subiu á tribuna para defender unha iniciativa que é semellante á aprobada por unanimidade no Parlamento galego, e que no seu día contou co voto favorábel do PP. Davila sinalou que o BNG decidiu traer a debate esta proposta de lei sen agardar á tramitación da da Cámara galega porque a última vez que se debateu unha procedente do Parlamento galego no Congreso tardou cinco anos en chegar ao pleno. Argumentou, polo tanto, razóns de urxencia.
O problema non está solucionado e hai que actuar
Apelou á necesidade de axilizar a tramitación dunha solución legal que asegure a devolución íntegra dos aforros depositados en participacións preferentes e outros instrumentos híbridos, salientando que aínda hai miles de afectados por esta estafa que non recuperaron o cen por cen dos seus cartos.
Puxo de manifesto que as sentenzas xudiciais, nunha porcentaxe do 99% sempre dan a razón aos demandantes. Moitos recuperaron a totalidade ou parte dos seus aforros através do proceso da arbitraxe, da vía xudicial ou en negociacións coas entidades. Pero, advertiu que o problema aínda non rematou, e esgrimiu a necesidad de modificar a norma estabelecida para non pechar unha grande estafa en falso.
Davila afirmou en relación a NCG que, a falla de actualizar os dados, cónstanos que quedan por recuperar máis de 210 millóns de euros dos 500 millóns expoliados pola vía das quitas. Esta proposición de lei do BNG, recalcou, ten plena vixencia porque o problema non está resolto. Deixou claro que a iniciativa do BNG abarca a todos os afectados do estado, non só aos da Caixa de Aforros galega NCG, e nomeu aos estafados de Bankia ou de Catalunya Banc.
Nese sentido, lembrou que segundo os dados do FROB, contabilízanse 260.000 clientes estafados que recuperaron vía arbitraxe ou por resolución xudicial parte ou a totalidade dos seus aforros, máis o tema non esta pechado, quedan moitos aínda pendentes.
Subliñou a deputada do BNG que está demostrada a mala praxe comercializadora destas entidades financeiras, xa que estes produtos foron colocados a clientes sen a debida formación financeira. Uns defectos de comercialización que recoñeceron as propias entidades financeiras e incluso a Comisión Nacional do Mercado de Valores, que está a investigar estes feitos, mantendo abertos varios expedientes para investigar este tipo de comercialización.