O PP en contra de reitrarlle a Álvarez Cascos a medalla de Ouro de Galiza

Luís Bará
Luís Bará
Luis Bará cualifica de “grave error” o recoñecemento  ao político que prexudicou gravemente a Galiza na  xestión da crise do Prestige, a privatización da AP-9 e agora  baixo graves acusacións de “presunta corrupción” por  favorecer a empresas cando ocupaba postos de responsabilidade no goberno do estado

O deputado por Pontevedra, Luís Bará instou ao goberno galego  a retirar a Medalla de Ouro de Galiza concedida a Francisco Álvarez Cascos acusado de “presunta corrupción” polo cobro de 4,7 millóns de euros tras favorecer a empresas durante a súa actividade como ministro. A iniciativa nacionalista foi rexeitada polo Partido popular e a abstención do PSdG.

Bará lembrou que no mes de xuño do ano 2003 a Xunta de Galiza, gobernada polo Partido popular e baixo a presidencia de Manuel Fraga,  concedía a Francisco Álvarez Cascos, naquel momento,  Ministro de Fomento do goberno central, a Medalla de Ouro de Galiza.

A distinción de tal alto rango, sinalou o nacionalista,  foi obxecto de polémica e  rexeitamento dunha parte importante da sociedade galega e sen  entrar a valorar as circunstancias daquela decisión, “o paso do tempo veu corroborar que foi un grave erro” pero que  despois  de 20 anos aínda  estamos a tempo de remediar.

Máis alá de decisións atribuíbeis ao daquela ministro que resultaron moi prexudiciais para o noso país como a súa xestión na actuación na crise do Prestige ou a privatización da AP-9 no ano 2003, Bará afirmou que  resulta de estrema gravidade a acusación de “presunta corrupción” derivada da actuación pública e privada de Francisco Álvarez Cascos e considerou  que o  proceder do ex-ministro non se corresponde coa defensa “de honra e dignidade” que defenden as institucións galegas. 

O deputado explicou que  transcenderon  informacións xornalísticas segundo as cales Francisco  Álvarez Cascos ingresou “4,7 millóns de euros de empresas que foron favorecidas por decisións tomadas cando ocupada postos de responsabilidade no goberno español” e segundo as mesmas informacións recibiu destas empresas cantidades dende o ano 2004 até o  2018.

Para o nacionalista, as institucións galegas non poden pasar por alto estas graves acusacións, que veñen a acumularse a outros moitos motivos que xustifican a retirada dos recoñecementos honoríficos concedidos.

Tras o anunciou do  portavoz popular,  José Alberto Pazos Couñago do veto  á  retirada medalla de Ouro de Galiza a Álvarez Cascos, o parlamentario do BNG cualificou a xustificación de Couñago de “ vergoña allea, penosa e lamentable”. Na nosa  iniciativa  constatamos uns feitos continuados ao longo de dúas décadas que deron lugar a investigacións por parte da Fiscalía e a unha causa xudicial pendente de resolver.

Os feitos, “non deixan en bo lugar a figura do Sr. Cascos” e a súa traxectoria está rodeada de “sombras de acusación de corrupción”. Por outra banda, Bará criticou tamén a intervención do portavoz socialista, Pablo  Arangüena Fernández pola súa prevención a hora de votar favorablemente a iniciativa nacionalista “poñendo a venda antes da ferida”, quizais polas últimas información que salpican a membros do PSOE.

Cascos representa a marca “corrupción” do Partido popular

Luís Bará negou a afirmación de Pazos Couñago de que a concesión da medalla fora unha decisión honorífica, ao que o deputado do BNG afirmou que pode ser “honorífica pero non honorable” e para nós, a prioridade é clara, “defender os principios éticos, morais, a decencia política e dignidade das institucións galegas”.

Con esta iniciativa queremos denunciar “a corrupción” e guste o non ao Partido popular, Cascos é “un representante da marca PP-corrupción” desa corrupción de “xente de ben” que utiliza todo o aparello do Estado, Executivo, Lexislativo e xudicial como acabamos de ver nas vinculacións do poder xudicial coa policía en tramas “corruptas e noxentas” para defender os intereses do Partido popular ou apropiarse de diñeiro público para enriquecemento como aconteceu na trama Gürtel, esa “xente de ben que roubou nas arcas públicas” e por esa razón o Partido popular foi condenado por corrupción e tres ministros do PP “pasaron pola cadea”.

Para o deputado do BNG, o PP cometeu un erro no ano 2003 e agora non queren rectificar e pedir a devolución da medalla de Ouro de Galiza para que non permaneza máis tempo na vitrina de Álvarez Cascos.

Bará concluíu a súa intervención lamentando o voto en contra do PP  e a abstención do PSdG e afirmou que esta postura representa “unha burla, un insulto aos galegos e galegas e unha falta de respecto institucional”.
 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG