O deputado do BNG, Luís Bará instou ao goberno a poñer en marcha un Plan de accións contra o “espallamento descontrolado” da herba Pampa, unha especie invasora que cada vez ocupa máis terreo ao longo da xeografía galega, e de maneira especial nos concellos do Golfo Ártabro e das rías de Arousa, Pontevedra e Vigo, nos que se produciu una “invasión xeneralizada” en paralelo á construción de grandes infraestruturas viarias e ferroviarias, así como en polígonos industrias.
A proposición non de lei defendida polo deputado do BNG inclúe: presentar un informe das actuacións realizadas nos últimos 5 anos para controlar, mitigar a expansión e eliminar a especie invasora incluíndo os resultados en Galiza do Proxecto Life+Stop Cortadeira e aprobar “en dous meses” o Plan de accións para o control, xestión e posible erradicación da herba Pampa, con unha duración de cinco anos prorrogables e achegas da Xunta, administración estatal e deputación así como das empresas construtoras e xestoras das autoestradas e autovías que transcorren polo territorio galego”.
Na defensa da proposta, o nacionalista explicou que as especies exóticas invasoras constitúen unhas das principais ameazas para a biodiversidade e supoñen ademais riscos para os equilibrios ecolóxicos, a saúde e as actividades económicas. “A herba da Pampa (cortaderia selloana) e unha das máis agresivas en Galiza” e prolonga o período de alerxias primaverais que se estenden até o mes de novembro nas zonas de maior presenza da especie”.
Menos propaganda e máis accións eficaces contra a especie invasora
Na súa intervención, o deputado tamén relatou as actuacións anunciadas pola Xunta do PP para combater as especies exóticas invasoras, como o plan estratéxico aprobado en 2013 e do que “transcorridos dez anos non se coñecen os resultados das diferentes liñas de actuación” e indicou que a Lei de Patrimonio Natural e da Biodiversidade establece, entre outras recomendacións , que a consellería competente estableza unha rede de alerta para a vixilancia destas especies invasoras e adaptar medidas para o seu control ou erradicación.
Asemade, no 2020, engadiu, a Consellería de Medio Ambiente volveu anunciar a elaboración dun plan de acción específico para loitar contra a propagación da herba da Pampa, e a principios deste mesmo ano volveu anunciar “por eneísima vez” un plan de acción para a súa erradicación, xunto cun convenio coa Universidade da Coruña (UdC) para aplicar unha nova tecnoloxía “capaz de empregar como sistema de control biolóxico un parasito desta planta”, segundo informaba o propio Goberno galego
“Malia todo este despregue propagandístico” criticou o nacionalista, a realidade é que a herba da Pampa ten un espallamento absolutamente descontrolado por unha boa parte da xeografía galega, como se pode observar nunha viaxe a través da AP-9 e doutras autoestradas e autovías.
Finalmente, o deputado do BNG demandou a creación dun fondo económico para o control e eliminación desta “gramínea perenne”, que sobresae pola fluorescencia en forma de plumacho e que pode acadar os catro metros de altura. Dende o Bloque, dixo, propoñemos que este fondo teña unha duración mínima de cinco anos prorrogábeis con achegas anuais da Xunta, administración estatal e deputacións, así como das empresas construtoras e xestoras das autoestradas e autovías que transcorren polo territorio galego, e en cuxas “medianeiras a herba da Pampa empezou a introducirse como planta ornamental”, concluíu.
A deputada do PP, Begoña Freire anunciou o voto en contra á Proposición non de lei do BNG, ao que o deputado replicou que, unha vez máis, o PP limitase a facer propaganda e non acepta ningunha proposta para rematar coa especie invasora. “A Xunta non leva feito nada, nin sequera o mapa de plantas invasoras ao que destinou 12.000 euros”. O PP, pretende agora volver a anunciar un Plan que xa foi anunciado hai catro anos e reiterou que urxe presentar un informe das accións realizadas durante estes anos para o control e xestión da herba da Pampa.