O PP impide no Parlamento elaborar un estudo sobre o número de persoas que prescinden de recoller medicacións nas farmacias polo copago
A deputada do BNG, Montse Prado denunciou que os recortes do PP obrigan a pensionistas e enferm@s crónic@s a deixar de recoller os medicamentos, aínda que o PP se empeñe en negalo.
A proposición non de lei defendida hoxe pola deputada do BNG, Montse Prado para a realización dun estudo do número de receitas non recollidas nas farmacias galegas por pensionistas e enferm@s crónic@s foi rexeitada polo Partido popular por considerar que non hai doentes nesta situación.
A parlamentaria nacionalista lamentou o voto desfavorable do Partido popular e reiterou que, só a través dun estudo pódese confirmar que os recortes do PP en sanidade están a provocar que moitas persoas, pensionistas e doentes crónicos, renuncien a recoller medicamentos prescritos polo persoal facultativo ante a imposibilidade de poder pagalos.
O PP asegura que os recortes non inflúen n@s doentes
Montse Prado criticou que o portavoz popular, Miguel Santalices defendera que o copago non está a repercutir na cidadanía polo que reiterou a súa petición para elaborar un estudo que corrobore esta afirmación ou polo contrario, evidencie que os recortes inflúen á hora de mercar as medicinas, sobre todo naquelas persoas con menos ingresos.
A deputada preguntou qué ten que ocultar o Partido popular para negarse a elaborar este estudo, a conselleira afirmou na Cámara galega que non lle consta que haxa persoas que prescindan dos medicamentos polo copago pero nós, dixo, temos datos moi diferentes.
Dende o BNG queremos saber que está pasando coas medidas que o PP puxo en marcha e este Parlamento ten dereito a coñecer as consecuencias desas medidas na cidadanía, vostedes, dixo, teñen accesibilidade para coñecer os datos pero seguen ocultando e negándonos esa información.
A deputada volveu reclamar un informe que considerou de fácil elaboración ao contar o PP con todos os datos informatizados porque de non ser así, afirmou demostran que algo teñen que ocultar.
Prado explicou que na actualidade hai pacientes que escollen de que patoloxía se medican tomando unha pastilla diaria en vez de tres para que o medicamento chegue ata final de mes, esta é a realidade, concluíu.