parlamento galego

Para o PP non é necesaria unha nova estratexia de prevención do acoso escolar como propón o BNG

Manu Lourenzo
Manu Lourenzo

Manuel Lourenzo recrimina ao conselleiro de Educación por considerar no seu día unha “esaxeración” o que é un drama para centos de nenos e nenas

Recrimina o anuncio propagandístico dun novo protocolo como resposta ao problema, “do que non hai nin unha soa liña publicada”  

BNG propuxo no pleno do Parlamento galego a elaboración dunha nova estratexia galega de prevención do acoso escolar coa que facer fronte a un problema preocupante no ensino e sobre o que non só advirten de xeito unánime tanto familias e docentes, como os profesionais da psicoloxía e a educación social, senón tamén os propios informes da Xunta.

Segundo explicou o portavoz nacionalista de Educación, Manuel Lourenzo, os casos de acoso rexistrados en Galiza son tan só “a punta do iceberg” e afeou que, fronte as reivindicacións da comunidade educativa e de anteriores iniciativas neste sentido do BNG, o conselleiro Román Rodríguez respondera “con propaganda sobre un novo protocolo contra o acoso escolar que só coñece el e do que non hai nin unha soa liña publicada”.

Neste sentido, Lourenzo recriminou a actitude do titular de Educación, que cualificou no seu día de “esaxeración” as alertas da comunidade educativa: “debaixo deste problema hai un drama, debaixo desta irresponsabilidade e deste cinismo temos a centos de nenos e nenas sufrindo”, reprochou con severidade. O deputado nacionalista advertiu de que non existen mecanismos de detección no sistema educativo galego e que, aínda así, no caso de identificar un caso resulta moi complexo abordalo por un protocolo actual que falla e no que abunda a “burocratización inútil”.  

Así pois, e logo de aceptar unha emenda do PSOE, propuxo o desenvolvemento dunha nova estratexia galega de prevención do acoso escolar sobre a análise rigorosa da información dispoñible nos departamentos de orientación dos centros educativos e nos servizos provinciais de inspección educativa relativos á aplicación do Protocolo educativo para a prevención, detección e tratamento do acoso escolar e ciberacoso, tendo en conta as achegas resultantes dunha xuntanza cos portavoces de ensino, dos grupos parlamentares e dos axentes implicados na loita contra o acoso.

De igual xeito e entre outras medidas, tamén defendeu a posta en marcha dun plan de formación sobre acoso para toda a comunidade educativa; o reforzo dos centros e os equipos de orientación específicos con persoal suficiente; a a creación dunha liña de atención ao acoso escolar e dunha unidade especializada na Consellería de Educación que atenda os casos de acoso detectados nos centros de ensino.

“Neste ámbito de actuación só temos dúas opcións: dicir que isto é unha esaxeración e que aquí non pasa nada ou de abordar o problema e tomar medidas”, concluíu. Pese aos argumentos do deputado nacionalista, a iniciativa non prosperou polo veto do PP.
 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG