A deputada do BNG do BNG, Iria Carreira, a través dunha moción, defendeu realizar e remitir ao Parlamento galego, coa maior brevidade , un informe actualizado da situación e desenvolvemento das primeiras etapas do Plan Galego de Vacinación contra o SARS-CoV-2, atendendo, entre outras, á cuestión de número de doses recibidas, distribución e administración das mesmas.
A iniciativa nacionalista tamén solicitaba deseñar un plan para as sucesivas fases do plan de vacinación incluíndo o reforzo do persoal encargado da administración da vacina sen que supoña o menoscabo doutros servizos do sistema público de saúde; orzamento, procedemento de vacinación a seguir e puntos nos que se levarán a cabo, mecanismos de chamada á “poboación diana” en cada fase, así como a elaboración de listaxes de vacinación. Este plan deberá ser presentado no Parlamento de Galiza antes do inicio da nova fase de vacinación. Por outra banda, urxe reforzar a Atención Primaria, cunha dotación de persoal suficiente para afrontar tanto a atención á patoloxía causada pola COVID-19 como toda a atención ordinaria e forzar o sistema de rastrexo e de probas masivas para a detección de novos positivos, así como adoptar todas as medidas sanitarias que sexan necesarias para evitar novas repuntas nas cifras de contaxios para cortar a cadea de transmisión do virus mediante a detección precoz dos casos asintomáticos.
Para a nacionalista, o Plan de vacinación contiña “ocos para a picaresca”, pois permitiu a inclusión nas listaxes de vacinación de persoal que non debería estar nas súas primeiras fases e vimos “desde altos cargos directivos de empresas multinacionais a alcaldesas”. Máis desde o goberno sinaláronse estas vacinacións como casos illados e puntuais, e aínda así, non se fixeron públicos os criterios para deseñar as listaxes de vacinación.
Tras lembrar os problemas xurdidos no ensino por mor de notificacións sen aviso previo, sen tempo para organizar os centros, citacións sin atender as circunstancias de cada profesional, de maneira que hoxe se están a vacinar persoas que non son factor de risco e outras que superan os 50 anos, non teñen información nin indicación de cando recibirán a vacina, a deputada cualificou de “inconcibible” que a tónica continúe sendo “a improvisación e unha total ausencia de rigor”.
Ademais, dixo mentres que esta vacinación non se aplique ata acadar a tan desexada “inmunidade colectiva,” van seguir sendo precisas medidas de protección para evitar novos gromos e repuntes nos contaxios. Estas medidas profilácticas inclúen un sistema de rastrexo que debe ser eficaz porque estamos nunha situación na que cobran especial importancia cepas víricas con alta capacidade de contaxio e transmisión, polo que se fai preciso contar con todos os medios posibles para detectar novos positivos e cortar a cadea de transmisión precozmente.
Urxe reforzar a Atención Primaria
Fases sucesivas do plan de vacinación, explicou Carreira, fai preciso botar man das profesionais de Atención Primaria. “Profesionais, enfermeiras, que están amplamente capacitadas para este tipo de campañas, como demostran ano tras ano”. Máis o que soa idílico sobre o papel, contrasta coa situación que está a atravesar a Atención Primaria. Atención Primaria que é o eixo do sistema sanitario e que durante esta pandemia non viu incrementado de xeito substancial o seu persoal. Unha Atención Primaria que leva un ano enfrontándose ao reto de dar resposta, xa non só ao seguimento e rastrexo de casos confirmados e sospeitosos de COVID, senón que continúa mantendo toda a súa actividade asistencial ordinaria, co seguimento de pacientes con patoloxías crónicas, atención domiciliaria de pacientes que non se poden desprazar dos seus domicilios, atención a toda a patoloxía psicolóxica e psiquiátrica que está comezando a despuntar despois dun ano de pandemia.
Profesionais que levan meses vendo como día tras día a situación é máis dramática. De todo isto faise eco o Consello de Bioética de Galiza, que no seu informe do 8 de xaneiro que sobre as circunstancias que afectan á Atención Primaria destaca: á presión asistencial intensa e mantida no tempo, limitar o acceso ás consultas presenciais, modificar as pautas da práctica clínica con protocolos obsoletos, dar preferencia a atención dos problemas da COVID, e o descontento percibido pola poboación sobre á atención e a falta de información.
Esta situación, afirmou a nacionalista exixe un “reforzo urxente de persoal da Atención Primaria, eixo do sistema sanitario”.
A moción nacionalista foi rexeitada polo grupo maioritario do Partido popular.