O deputado do BNG, Luís Bará denunciou hoxe a actitude do Partido popular por “dar lexitimidade ao criterio da Real Academia Española que defenden o uso como Sanjenjo, Rianjo, Lage, Ginzo, Mugía, Arteijo ou Chandreja de Queija, La Coruña e Orense, Puentedeume, Puenteareas, Villagarcía de Arosa ou Villanueva de Arosa”. Para Bará, esta actitude mostra a “a complicidade do Partido popular coa RAE e co incumprimento da legalidade en materia de toponimia”.
O deputado cualificou de “moi grave” o criterio da Real Academia española expresado a través de diferentes documentos porque representa “un ataque ao autogoberno” e a “soberanía galega” con competencias no ámbito da toponimia, aprobadas por unanimidade na Lei de Normalización Lingüística e supón “un insulto e falta de respecto á identidade galega”.
A actitude do Partido popular amosada hoxe en comisión parlamentaria “avala o uso de formas deformadas da toponimia galega” e mostra moi pouco respecto pola riqueza lingüística e diversidade cultural do Estado español” ademais de pretender impoñer o “uso de formas claramente ilegais”.
Bará lembrou que o BNG xa transmitiu este rexeitamento á Real Academia Española e anunciou que seguirá denunciando “a actitude cómplice do Partido popular” con todas as entidades, incluída a RAE, que tenten anular a Lei de Normalización Lingüística animando a utilizar “formas hibridas, deturpadas, que feren á sensibilidade e dignidade como pobo así como a nosa riqueza cultural e lingüística.”
O deputado defendeu hoxe unha Proposición non de lei na que pedía un pronunciamento do Parlamento galego contra as afirmacións da Real Academia Española referidas ao uso de toponimia galega deturpada. No texto da iniciativa, Bará reclamaba unha reprobación do Parlamento galego á actitude da RAE e instaba á Xunta a trasladarlle formalmente o malestar e rexeitamento do Goberno galego polo desprezo amosado cara á toponimia galega e a súa única forma oficial e legal que é en galego.