Ana Pontón: “A Xunta estivo máis pendente da patronal que da situación nas residencias de maiores”

Acusa ao goberno de “trato mercantilista da vellez” e pide mudar o modelo “privatizador” por unha xestión pública que asegure unha atención digna

Urxe un protocolo contra o contaxio e garantir a visita de familiares

A portavoz nacional do BNG,   Ana Pontón manifestou hoxe que na crise da COVID-19, a “Xunta estivo máis pendente da patronal que da situación nas residencias de maiores” e pediu un cambio de modelo para non repetir o acontecido recentemente nestes centros.

Pontón explicou que na actualidade, Galiza conta con 223 residencias, das que só 24 son de xestión pública e  denunciou que en 11 anos, a “Xunta non construíu ningunha residencia nin creou ningunha praza nas residencias de maiores”. Para a nacionalista, esta xestión confirma  a negativa  do goberno de Feixóo a impulsar unha rede pública que garanta unha atención digna ás persoas maiores. Resulta evidente, dixo, que nesta crise existiu  “un trato mercantilista da vellez” e que é preciso cambiar o modelo.

Tras o encontro, por videoconferencia, con representantes de traballadores e traballadoras e familiares de persoas usuarias nas  residencias no que tamén participou a deputada do BNG, Montse Prado, a portavoz nacional  do BNG insistiu na necesidade de planificar a volta a normalidade dos centros despois de que moitas persoas aínda continúan illadas tras dous meses de confinamento. “Urxe poñer en marcha un protocolo que priorice as medidas contra o contaxio” e que as familias podan realizar visitas.

O BNG pide investigar as residencias

Para a portavoz nacional do BNG, resulta imprescindible coñecer a verdade do sucedido nas residencias de maiores e non dar  “por boas as  explicacións da Xunta” porque, ao seu xuízo, son  “insuficientes”. As explicacións da Xunta, reiterou,  evidencian que non asume a súa responsabilidade e no remate do proceso de desescalada faise necesario iniciar “unha investigación” para saber que aconteceu durante a  crise nestes centros  e sobre todo, tirar conclusións para non incorrer nos mesmos erros.

Hai que abandonar o modelo privatizador das residencias

Pontón afirmou que a crise da COVID-19 confirmou o que o BNG viña denunciando sobre as anomalías e precariedade de persoal e medios  nas residencias de maiores e a clave, recalcou  é un cambio de modelo e unha aposta  por unha asistencia digna ás persoas maiores. “Hai que mudar o modelo privatizador e apostar por unha xestión pública”. A  asistencia digna ás persoas maiores é  un dereito fundamental que temos o deber de garantir.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG