Xerais 2023

Pontón: “Votemos coa cabeza e co corazón en Galiza”

Daniel Castro, Carme da Silva, Ana Pontón, Néstor Rego e Noa Presas
Daniel Castro, Carme da Silva, Ana Pontón, Néstor Rego e Noa Presas

O BNG dispútalle escanos ao PP nas catro provincias e ten ao alcance da man conseguir un grupo galego forte para defender Galiza e frear a Feijóo, proclama

Pide a todas as persoas que votaron BNG nas galegas e nas municipais que repitan o seu apoio este 23X para lograr que Galiza sexa decisiva no Estado

Non é momento de votar con medo nin polo mal menor, senón con ilusión e orgullo, alega, nun acto coas persoa que lideran as candidaturas ao Congreso

A portavoz nacional, Ana Pontón, condensou a mensaxe final de campaña nunha apelación a concentrar no BNG todo  voto de amor e orgullo de País, sabendo que o Bloque non falla nin na defensa dos intereses dos e das galegas nin á hora de frear ao PP ultra de Feijóo.

Nun acto en Santiago xunto ás persoas que lideran as candidaturas ao Congreso, fixo un chamamento de cara ao 23 de xullo: “Votemos coa cabeza e co corazón en Galiza, desde o orgullo do noso, votemos BNG”, proclamou acompañada polo cabeza de lista da Coruña, Néstor Rego; Lugo, Daniel Castro; Ourense, Noa Presas e Pontevedra, Carme da Silva.

Galiza xógase moito este 23 de xullo e precisamente por iso, recalcou, “non é momento de votar con medo, nin de votar polo mal menor, hai que votar  con ilusión para defender Galiza en Madrid cun grupo galego forte, sabendo que con cada escano do BNG gana Galiza e perde o PP de Feijóo. Así que fagamos que gane Galiza  enchendo as urnas de papeletas do BNG”, proclamou.

A portavoz nacional subliñou que a formación que lidera é a única coas mans libres para facer valer Galiza fronte a unhas forzas estatais que se alternan na discriminación ao País: “Vemos o empeño das forzas estatais en darnos leccións sobre o voto útil, e gustaríame dicirlle aos galegos e ás galegas que un só deputado do BNG foi máis útil para Galiza que os 22 restantes, que fixeron o de sempre: dicir unha cousa aquí e facer a contraria en Madrid”.

Por iso, a todas as persoas que lle queren a este País e están fartas da discriminación das forzas estatais, “tendes no BNG á vosa alternativa para este 23X”, subliñou, ao tempo que insistía no valor dobre da papeleta do Bloque: vale para defender Galiza ante o Estado e para defender dereitos e liberdades parándolle os pés á dereita.

Pontón apelou a unha mobilización masiva para que ningún voto rebelde e de País quede na casa, tendo en conta que o BNG lle disputa escanos ao PP nas catro provincias. “Estamos demostrando ser capaces de facer posible o que nos din que é imposible e ímolo volver facelo este 23X, imos a por todas para ter un grupo galego forte que defenda os intereses dos galegos e das galegas en Madrid. Temos ao alcance da man ter deputados e deputadas en todas e cada unha das provincias”, subliñou.

Basta con que  toda a cidadanía que xa votou Bloque noutros comicios repita o seu apoio este domingo. “Se todas as persoas que nos votaron nas galegas volven darnos a súa confianza, haberá grupo galego forte; se todas as persoas que colleron a nosa papeleta nas municipais repiten o seu voto, haberá grupo galego forte”, proclamou.

Polo tanto, recalcou, “este 23X é momento de votar coa cabeza e o corazón en Galiza, de apostar con decisión para que Galiza gane”, e para iso precisa máis deputados e deputadas que dean a cara polo País porque hai moito en xogo e, nun escenario sen maiorías absolutas, a forza do BNG no Congreso “será decisiva para conformar o futuro Goberno do Estado e influír a favor dos e das galegas”.

A portavoz nacional concluíu facendo un chamamento específico á xente moza para que se mobilice “e encha as urnas de rebeldía para defender unha Galiza na que a mocidade teña futuro,  unha Galiza verde que loita contra o cambio climático, diversa, inclusiva, na que poidan ser o que queiran ser. A esa mocidade dígolle que non quede na casa, que loite polo seu futuro e que este 23 de xullo confíe no BNG”.

 

Pontón rematou recalcando o moito que se xoga Galiza: “É o momento de votar coa cabeza e co corazón en Galiza, como galegos e galegas orgullosos e orgullosas do noso, para facernos valer en Madrid cun grupo galego forte”, concluíu.

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG