Xerais 2023

Ana Pontón: “Votar BNG é votar para que gane Galiza”

Acto A Coruña
Acto A Coruña

O Bloque dispútalle escanos ao PP nas catro provincias e ten ao alcance da man conseguir un grupo galego forte para defender o País e frear a Feijóo, proclama

Pide a todas as persoas que votaron BNG nas galegas e nas municipais que repitan o seu apoio este 23X para lograr que Galiza sexa decisiva no Estado

Néstor Rego apela no peche de campaña aos defraudados polo abandono das forzas estatais e di que “é hora de poñer fin á marxinación de Galiza en Madrid”

A portavoz nacional, Ana Pontón, pechou a campaña cun mitin na Coruña no que chamou a concentrar no BNG todo o voto de amor e orgullo de País para lograr un grupo galego forte que, nun escenario sen maiorías absolutas, será decisivo na conformación do próximo goberno do Estado, e usar esa forza para defender Galiza en Madrid. “Votar BNG é votar para que gane Galiza”, proclamou.

Por iso, a líder nacionalista destacou que “non é momento de votar con medo, nin de votar polo mal menor, senón de votar  con ilusión, con esperanza para facer valer Galiza e para frear a dereita de Feijóo, para iso vale un grupo galego forte”, indicou, convencida de que acadar ese obxectivo está “ao alcance da man porque estamos disputándolle escanos ao PP nas catro provincias”.

Acto A Coruña
Acto A Coruña

O BNG foi a máis durante a campaña e unha vez máis este 23X “imos facer posible o que nos din que é imposible” e para conseguilo apelou a todas as persoas que xa confiaron no Bloque nos comicios galegos e municipais: “Se volvedes a repetir ese apoio, esa confianza,  haberá grupo galego forte”, recalcou, ao tempo que pedía concentrar no BNG “todo o voto rebelde, inconformista e de país, sabendo que cada escano que gana o Bloque é un escano menos para Feijóo de ganchete con esa extrema dereita antigalega”.

A portavoz nacional subliñou que a formación que lidera é a única coas mans libres para facer valer Galiza fronte a unhas forzas estatais que se alternan na discriminación ao País: “Vemos o empeño das forzas estatais en darnos leccións sobre o voto útil, e gustaríame dicirlle aos galegos e ás galegas que un só deputado do BNG foi máis útil para Galiza que os 22 restantes, que fixeron o de sempre: dicir unha cousa aquí e facer a contraria en Madrid”.

Por iso, a todas as persoas que lle queren a este País e están fartas da discriminación das forzas estatais, “tendes no BNG á vosa alternativa para este 23X”, subliñou, ao tempo que insistía no valor dobre da papeleta do Bloque: vale para defender Galiza ante o Estado e para defender dereitos e liberdades parándolle os pés á dereita. “É o momento de votar coa cabeza e o corazón en Galiza”, proclamou.

Acto A Coruña
Acto A Coruña

A portavoz nacional concluíu facendo un chamamento específico á xente moza para que se mobilice “e encha as urnas de rebeldía para defender unha Galiza na que a mocidade teña futuro,  unha Galiza verde que loita contra o cambio climático, diversa, inclusiva, na que poidan ser o que queiran ser. A esa mocidade dígolle que non quede na casa, que loite polo seu futuro e que este 23 de xullo confíe no BNG”.

Cumprir a palabra dada

O cabeza de lista pola Coruña, Néstor Rego, pediu o apoio ao BNG desde a “lexitimidade que dá ter cumprido a palabra dada, ter defendido a Galiza durante catro anos e ter trasladado a Madrid a cartografía dos principais temas que afectan ao noso país, para poñer fin á discriminación histórica, para esixir compensación para o déficit que padecemos”.

Por iso, afirmou que o do BNG é o verdadeiro voto útil nas eleccións do 23X porque "é o que beneficia a galegos e galegas como demostramos cando somos determinantes para formar maiorías" . Insistiu tamén en que “esta é unha oportunidade histórica para nós, temos na nosa man a posibilidade de conseguir un grupo forte en Madrid, para facer oír a nosa voz, para que Galiza conte”.

“Necesitamos, máis que nunca, xuntar os votos que queren unha Galiza con dereitos, os votos de quen apoiou o BNG nas eleccións municipais e nas galegas e os defraudados do abandono ao noso país por parte dos deputados e deputadas galegas de partidos estatais, con ese apoio teremos un grupo galego forte para facernos valer", afirmou Rego que convidou a galegos e galegas a votar con confianza, con amor ao noso país, porque "estamos na hora de poñer fin á marxinación de Galiza en Madrid", dixo.

“É o momento de levantarse con decisión, de votar co orgullo que os galegos e as galegas temos polo noso apostando pola papeleta do BNG, sabendo que o Bloque ten as mans libres e non vai fallar nin na defensa de Galiza nin na defensa dos dereitos e liberdades”, proclamou. “Fagamos que gane Galiza enchendo as urnas de papeletas do BNG!”, apelou no último acto de campaña xunto ao cabeza de cartel pola provincia da Coruña, Néstor Rego.

 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG