Pontón: “A sociedade civil é quen debe protagonizar o acto de entrega de chaves do Pazo de Meirás”

Pazo de Meirás
Pazo de Meirás

O BNG demanda a transferencia deste espazo a Galiza para ser xestionado de xeito consorciado pola Xunta, Deputación da Coruña e concello de Sada

“Non é tempo de competencia, senón de colaboración entre institucións”, alega a portavoz nacional

En véspera de que os herdeiros do ditador teñan que entregar as chaves do Pazo de Meirás, a portavoz nacional, Ana Pontón, trasladou o recoñecemento do BNG a todas as entidades, colectivos e institucións que traballaron durante décadas para conseguir a devolución do patrimonio espoliado polo franquismo e pola recuperación da memoria histórica en Galiza.

“A sociedade civil galega foi quen inicio a batalla que agora da os seus froitos e deben ser todas as persoas que deron esa loita as verdadeiras protagonistas na entrega das chaves do Pazo de Meirás, deberían ser as que recollan as chaves porque son as artífices de que teñamos chegado até aquí”, salientou a líder nacionalista.

O Bloque, explicou Pontón, entende o acto de entrega de chaves como un primeiro paso de cara ao obxectivo final: que o Pazo de Meirás pase ao seu lexítimo propietario que é o pobo galego. “Por iso entendemos que o pazo debe ser transferido a Galiza mediante cesión ao Goberno da Xunta e que, a partir de aí, debe ter unha xestión consorciada da Xunta, Deputación da Coruña e Concello de Sada”, explicou a líder nacionalista, “dando cabida tamén a todo o tecido asociativo e investigadores que ao longo dos anos loitaron contra unha gran mentira e a favor da dignidade”.

Coa entrega das chaves, salientou, “estase poñendo punto final á impunidade e aos privilexios dos herdeiros do franquismo corenta anos despois da desaparición do ditador, e rescatando a memoria democrática do noso país”. Pontón subliñou que “non é este o momento da competición senón da colaboración entre institucións para que o Pazo de Meirás sexa aberto á sociedade galega, e un lugar que simbolice a loita pola recuperación da memoria democrática en Galiza”.

Tras felicitarse pola entrega do Pazo, o Bloque destaca que hai que seguir traballando para a recuperación do resto do patrimonio espoliado polo ditador, como por exemplo a Casa Cornide, “a través dunha investigación das propiedades dos herdeiros de Franco para e que estas sexan devoltas ao pobo galego”.

En relación ao uso do Pazo de Meirás, o  BNG propón  crear un comité asesor formado por persoas coñecedoras da historia do inmoble que teña entre as súas funcións establecer os criterios para retirar os elementos de exaltación e apoloxía do franquismo, formular unha proposta de interpretación que teña en conta a función de residencia de Pardo Bazán e todo o que veu despois, desde o uso como residencia franquista até a loita social e política que conclúe coa recuperación. E a definición dunha proposta de usos que teña como contido central a memoria histórica, a loita antifranquista e pola dignidade do pobo galego.

O Bloque entende que no acto do entrega do Pazo deberá estar, ademais das institucións, unha representación do Parlamento galego, dos grupos políticos da Deputación e a ex vicepresidenta Goretti Sanmartín, do grupos municipais do concello de Sada, das entidades que forman parte da Xunta ProDevolución, da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, d@s 19 de Meirás así como activistas e investigadores que xogaron un papel destacadisimo como Manuel Monge, Carlos Babío e Manuel Pérez Lorenzo.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG