A portavoz nacional, Ana Pontón, considera un retroceso para as mulleres a pretensión do Partido Popular de regular os ventres de aluguer anunciada onte desde Génova, e pide a Rueda que se pronuncie porque as galegas teñen que saber se o presidente de Galiza comparte unha proposta que vai en contra dos seus dereitos e liberdades.
Unha petición que fixo durante a súa participación nun almorzo informativo no Foro La Región, no que avanzou a total oposición do BNG ao que considera unha forma de violencia contra as mulleres. De feito, a líder do Bloque avanzou que a súa formación vai propoñer no próximo Pleno da Cámara ao resto de grupos unha declaración institucional do Parlamento rexeitando a legalización dos ventres de alugueiro.
“As mulleres deste País non somos incubadoras, temos dereito a que se nos salvagarde ante calquera intento de mercantilizar os nosos corpos e temos dereito a coñecer cal é a posición do presidente da Xunta ante a proposta do Partido Popular de legalizar os ventres de aluguer, porque estamos ante un retroceso nos dereitos das mulleres que afectará sobre todo a aquelas que están nunha posición de maior indefensión e con menos recursos”, explicou a líder do BNG.
Pontón subliñou a “total oposición” do Bloque a legalizar os ventres de aluguer: “No BNG temos claro que as mulleres non somos incubadoras e imos propoñer no próximo pleno do Parlamento unha declaración institucional para que a Cámara se posicione en contra desta involución nos dereitos das mulleres”, destacou.
Desde Ourense, a portavoz nacional destacou que non se pode permitir “ni un paso atrás” nos dereitos e liberdades das mulleres, “e hai que combater os discursos negacionistas, machistas ou que fomentan o odio e a intolerancia ante a diversidade. Temos que construír unha Galiza na que todas as persoas teñan cabida e sexan libres de elixir a vida que desexen vivir”, indicou.