O BNG considera de xustiza a exhumación de Franco, pero destaca a anomalía que supón 40 anos de espera para poñer fin a unha situación impropia dunha democracia avanzada.
“É unha boa nova que chega con 40 anos de atraso e non deixa de causar certo bochorno que as forzas estatais tardaran catro décadas en retirar a un ditador fascista dun lugar de culto a súa figura, era un agravio ás vítimas e á democracia”, salientou a portavoz nacional, Ana Pontón, en comparecencia ante os medios nun acto na Coruña.
En todo caso, a líder nacionalista subliñou que queda moito por facer para erradicar os privilexios e os residuos franquistas.
“Desde o BNG entendemos que este non é o punto final, senón o punto de inicio porque tamén hai que exhumar os restos do franquismo, eses residuos tóxico que contamina a nosa democracia, residuos que aparecen en demasiados espazos porque o vemos nas elites económicas, en certos sectores da xustiza, vémolo no feito de que sigue existindo a Fundación Francisco Franco ou na impunidade dos crimes da ditadura”, indicou.
Neste sentido, Pontón puxo como exemplos deses privilexios a anomalía que supón ver como os herdeiros do ditador son capaces de levar a xuízo e pedir centos de anos de cadea para persoas que se limitaron a pedir a devolución dos bens roubados, con actos reivindicativos simbólicos e pacíficos, como o protagonizado polos 19 de Meiras, colectivo do que forma parte o propio candidato do BNG ao Congreso pola Coruña, Nestor Rego.
“Hoxe quero lembrar que hai en Galiza persoas que están sendo xulgadas por reclamar cuestións tan básicas como a devolución ao pobo galego do patrimonio espoliado, como os 19 de Meirás, pendente de sentenza por unha toma simbólica do pazo esixindo a súa devolución, -que permitiu darlle visibilidade pública, mediática e social a esta demanda- como é o caso de Nestor Rego, ou veremos en breve como se leva a xuízo a cinco persoas por facer a mesma reclamación para a Casa Cornide, para a acabar co disparate de que sigan en mans dos herdeiros do ditador”, argumentou a portavoz nacionalista.
Pontón tamén quixo destacar que Galiza conta coa súa propia axenda para a recuperación da memoria histórica.
Axenda galega da memoria histórica
“Non esquecemos que para exhumar o franquismo en Galiza hai que empezar pola devolución do Pazo de Meirás e da Casa de Cornide, entre outros bens espoliados, tamén imos esixir que se anulen todos os xuízos sumarísimos, porque aí temos a figuras como Alexandre Bóveda, que sigue cunha condena sen que se teña reparado a súa memoria”.
Finalmente, a líder do Bloque fixo un recoñecemento “á longa tradición” en defensa das políticas de recuperación da memoria histórica, “e queremos recordar e recoñecer o traballo feito durante décadas por entidades e organizacións, incluído o propio BNG, para denunciar esa lousa de silencio que se quixo impoñer tras a Transición. Queda moito traballo por facer, por iso hoxe non acaba nada senón que hai que seguir adiante coa axenda galega de recuperación de memoria histórica”, concluíu.