Ana Miranda: “A exhumación de Franco é só un paso no cumprimento da Resolución contra o avance do fascismo en Europa”

Ana Miranda
Ana Miranda
Mañá cúmprese o primeiro aniversario da aprobación na Eurocámara do documento que reclama a ilegalización da fundación Franco e do que Miranda é coautora

A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, subliña que a exhumación do ditador Francisco Franco do val de Cuelgamuros é “só un paso” no cumprimento das directrices que marca a Resolución contra o avance do fascismo en Europa, aprobada polo Parlamento Europeo hai un ano. Esta resolución, da que Miranda é correlatora, insta ademais no seu artigo 20 a prohibir as fundacións e asociacións que fan apoloxía do fascismo e nazismo “porque son antidemocráticas e atentan contra a memoria das vítimas”, como acontece coa fundación Franco.

Desde Arxentina, onde a coordinadora de Relacións Internacionais do Bloque se atopa participando nunha misión de observadores internacionais das eleccións á presidencia, Ana Miranda considera que no camiño da loita pola recuperación da memoria histórica “lamentablemente no Estado español aínda queda moito por facer, como a devolución do pazo de Meirás e o resto de bens espoliados polo franquismo, a retirada completa da simboloxía franquista aínda existente e permitir o acceso á documentación relacionada coa ditadura”.

Ao respecto lembra a denuncia presentada na ONU por vetar o acceso a documentación pública e privada sobre a ditadura franquista, prohibición sufrida, entre outros, polo investigador Carlos Babío para documentar o espolio realizado por Franco a respecto do Pazo de Meirás. “A devolución do pazo de Meirás ten que ser o seguinte paso neste camiño”, subliña Miranda, quen considera “inadmisible que no estado español aínda convivan oito fundacións franquistas”, en referencia á Fundación Francisco Franco, a Fundación José Antonio Primo de Rivera, a Fundación Pro Infancia Queipo de Llano, a Fundación Blas Piñar, Fundación Hijas de Millán Astray, a Fundación Ramiro Ledesma Ramos, a Fundación Serrano Suñer e a Fundación Capitán Cortés

Modelo a seguir

Segundo a portavoz do BNG en Europa, “Arxentina é un modelo a seguir neste camiño contra a pervivencia do franquismo” e neste sentido destaca o papel da xuíz arxentina María Servini, impulsora da coñecida como “Querela Arxentina”. Esta querela, na súa orixe se centrou no caso de Darío Rivas, un nonaxenario que residía en Arxentina desde os años trinta do pasado século cuxo pai, alcalde socialista da localidade lucense de Castro de Rei, foi fusilado en 1936 a mans de pistoleiros da Falange Española. Rivas, en representación da Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica e xunto a outros familiares, personouse o 14 de abril de 2010 nos Xulgados de Bos Aires en busca de xustiza, polo que a xuíza Servini citou a comparecer a catro torturadores da ditadura, entre os que figuraban o ministro franquista Rodolfo Martin Villa.

Ana Miranda manterá tamén nesta ocasión reunións con Nora Cortiñas, Presidenta de "Madres de Plaza de Mayo – Línea Fundadora”, así como coa Plataforma arxentina da Querela e coa propia xuíza María Servini. Deste xeito dá continuidade á reunión que mantivo o pasado mes de marzo coa xuíza arxentina, a raíz da que María Servini citou a comparecer novamente a Martin Villa. “Desde Bruxelas ou desde Bos Aires seguirei co empeño de acadar o fin da impunidade dos responsables dos crimes cometidos nas ditaduras”, destacou.


 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG