Acceder a unha vivenda é “misión imposible” para unha maioría da xente moza e para miles de familias, en particular nas cidades onde, tomando como referencia os datos dos portais de vivenda, os alugueres aumentaron un 47% desde 2016.
“Hoxe alugar en Vigo, A Coruña ou Santiago supón 600€/mes de media, súmese os gastos e explíquenos como fai unha moza ou moitas familias para ter unha vivenda digna”, interpelou Pontón ao presidente da Xunta durante a sesión de control, destacando que o Goberno do PP leva trece anos “de brazos caídos e instalado no sálvese quen poida”, dinamitando a política social de vivenda. Aí están os datos, recalcou.
En concreto, a líder do Bloque citou o recorte do 50% no investimento, de tal xeito que a Consellería de Vivenda pasou de ter 210 M€ de orzamento en 2009 a 109 M€ nas contas deste exercicio. “Recortan e por riba non executan, porque en 2021 deixaron sen investir 17 M€ do programa de acceso á vivenda, un 67% do total, e así ano tras ano”, denunciou, sinalando o habitual baixo nivel de execución deste departamento.
Afondando nos datos do “fracaso” da política de vivenda do PP, Pontón citou o Plan de vivenda 2015-2022, que marcaba como obxectivo 870 novas vivendas de promoción pública, “pero só construíron 40 en seis anos”, cifra irrelevante que contrasta coas 15.000 solicitudes do rexistro de demandantes de vivenda protexida. Igualmente, e coincidindo coas eleccións de 2016, o PP anunciou a rehabilitación de 1.500 vivendas co que sería o Plan Rexurbe, pero a día de hoxe só hai nove inmobles recuperados.
Pontón tamén destacou o estrepitoso balance do programa para mobilizar vivenda baleira, 40 en seis anos nunha Galiza con 340.000 vivendas baleiras, segundo os datos da Federación galega de empresas inmobiliarias, porque o Partido Popular oculta sistematicamente esa información ao Parlamento pese a solicitude do BNG.
Neste contexto, agravado pola crise de prezos que afoga ás familias e á mocidade, a líder nacionalista pide a Rueda “menos anuncios, menos propaganda” e unha aposta real para facilitar o acceso a unha vivenda digna. Con ese obxectivo puxo sobre a mesa catro medidas concretas que o Goberno do PP “pode aplicar xa nos orzamentos de 2023”, indicou.
A primeira, duplicar o presuposto da Consellería de Vivenda até acadar cando menos os 210 M€ dos que dispoñía en 2009. Segundo, elevar até os 2 M€ as axudas ao aluguer para a xente moza, -hoxe esta partida é de 800.000 € completamente insuficiente para atender á demanda-. Terceiro, reformular o bono social de aluguer, “para evitar os desafiuzamentos e garantir que chegue realmente a quen o precisa”, indicou.
E cuarto, aposta decidida pola vivenda pública en aluguer, até conseguir que represente o 5% do parque total de vivenda, porque na actualidade supón o 0,3% do total, fronte ao 0,9% estatal ou o 9% da media europea.
“En definitiva señor Rueda, menos pelotazo fiscal nos orzamentos para os millonarios e máis política social de vivenda para a maioría de galegos e galegas, porque estamos falando dun ben básico co que non se pode nin facer negocio, nin especular”, concluíu.