Co presidente da Xunta metido de cheo na súa xira electoral no PP, a portavoz nacional, Ana Pontón, preguntoulle ao xefe do Executivo cando pensa dimitir, toda vez que deixou claro que a súa prioridade non é Galiza senón o PP.
“En 2020, en plena campaña electoral, vostede deixaba este titular: E maior o meu compromiso con Galiza que co meu partido”, citou a líder do BNG, tras confesar non sentirse sorprendida polo escaso valor da palabra do aínda presidente galego tendo en conta que leva doce anos subordinado a Génova. “Hai quen pensa que é vostede o moderado, cando en realidade é Feixóo o subordinado”, sentenciou.
Agora que colle as maletas para Madrid, “co permiso da señora Ayuso”, Pontón lembrou que o detonante que impulsou esa marcha é un novo caso de corrupción “illado” do PP, ante o que reaccionou pedindo lavar o trapos sucios na casa. “Mire por onde, un caso de corrupción do PP converteuse na alfombra vermella que tanto espera para irse a Madrid. Impulsado por un caso de corrupción, que gran logro político!”, ironizou.
A líder do Bloque insistiu en que tras optar por presidir o PP, Feixóo debe dimitir, “e cada minuto que pasa é unha falta de respecto ós galegos e ás galegas, porque Galiza non é a estación na que espera a que lle chegue o tren para Madrid”. Neste sentido, indicou que se até agora tiñamos un presidente incapaz de dar solucións, agora estamos ante un presidente “ausente”.
“Coa que está caendo, co prezo desorbitado da luz, do gas, dos carburantes, da cesta da compra, unha escalada de prezos que afoga ás familias e a miles de empresas pretende gobernar Galiza desde o teléfono móbil mentres está de xira electoral? Os galegos e as galegas non lle pagan para iso e merecen un respecto”, alegou.
Pontón lamentou que o presidente da Xunta non sexa capaz de estar á altura “nin no tempo de desconto”, e puxo en cuestión outro dos slogans electorais repetido polos populares: “Di que o PP é o partido que máis se parece a xente deste País, é mentira, porque os galegos e as galegas son persoas honestas, traballadoras e, sobre todo, que compren coa súa palabra, xusto o contrario de vostede é do PP”, alegou.
A portavoz nacional recoñeceu que Feixóo é un “excelente” candidato a presidir o PP “da corrupción e da falta de ética”, unha falta de ética da que volveu dar un novo exemplo no Parlamento, denunciou, en referencia á utilización por parte do PP da invasión rusa de Ucraína contra a formación nacionalista.
“Como pode usar os miles de mortos, os millóns de persoas refuxiadas para atacar con mentiras ao BNG? É unha indecencia política, o máis indecente que vin nunca neste Parlamento. Vostede é pai, e eu son nai, e estes días vimos imaxes que lle parten o corazón a calquera, como pode ser que use esa dor e non teña reparos en vir mentir a esta Cámara utilizando ese drama para atacar ao BNG”, denunciou.
Pontón pechou a sesión de control cun desexo para o aspirante a presidente do Partido Popular: “Agora que se vai para Madrid e vendo como as gastan no seu partido voulle desexar unha cousa de todo corazón: que nunca teña que sufrir as manipulacións e as mentiras que leva vostede dicíndolle ao BNG e a miña persoa”, concluíu.