A deputada do BNG aproveitou a súa intervención no debate da Lei para defender aos afectados/as polas participacións preferentes e insistiu na covardía de Feijoo por non comparecer e dar a cara ante un problema que afecta a miles de familias galegas
No debate de totalidade do Proxecto de Lei de estradas de Galiza, celebrado hoxe no Parlamento galego e despois de rexeitar o Partido popular, ao inicio da sesión plenaria, a comparecencia do Presidente da Xunta para explicar o conflito das participacións preferentes, a deputada do BNG, Ana Pontón aproveitou a súa intervención no debate da lei para reiterar que Feijóo debe deixar de practicar o escapismo e dar a cara para explicar que medidas vai poñer en marcha o Goberno galego ao fin de resolver un problema que afecta a miles de familias galegas estafadas polos bancos.
Pilar Rojo chama a orde á deputada do BNG
Durante a intervención da nacionalista, a presidenta da Mesa do Parlamento, Pilar Rojo ameazou en varias ocasión de retirarlle a palabra ao que Pontón respondeu que debater sobre o proxecto de lei de estradas resultaba unha cuestión menor fronte o drama que están a vivir miles de afectados por un produto financeiro tóxico ao que agora lle aplicarán unha quita.
O PP, dixo, é cómplice desta fraude e amosa un gran cinismo ao votar a favor da devolución do cen por cen dos aforros dos galegos e galegas e aprobar ao día seguinte unha quita en Madrid.
Pilar Rojo volveu chamar a orde á deputada nacionalista que continuou a súa intervención afirmando que resulta intolerable poñerse ao lado dos estafadores como fai o Partido popular que ademais paralizou a investigación da comisión parlamentaria das caixas de aforro.
Para a parlamentaria, o PP segue ríndose da xente e Feijóo escondéndose detrás das grileiras da policía, en alusión ao amplo despregue policial destacado nas inmediacións do Parlamento galego para impedir as protestas dos afectados e afectadas polas participacións preferentes, con esta actitude, dixo, o PP pretende pechar a billa das institucións democráticas para que non saia a verdade.
Lei de estradas para privatizar as vías galegas
Na quenda de resposta ao conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, a nacionalista advertiu que a nova lei consolida un modelo que privatiza as infraestruturas e leu varios artigos da propia Lei que abren a porta a establecer taxas pola utilización da calquera vía en Galiza.
Neste sentido, cualificou de novo saqueo ao pobo que hai que sumar a estafa das participacións preferentes. Esta lei, parécenos un abuso concluíu.