O BNG sinala a Feijóo como máximo responsable dun acordo para o sector lácteo que exclúe as principais demandas que os gandeiros e gandeiras galegas reclamaron na rúa cos seus tractores durante días, e que foi asinado en Madrid entre o Ministerio de Agricultura, industrias e distribución. O acordo, rexeitado pola maior parte dos sindicatos agrarios, non recolle un prezo estable de referencia, nin garantías de recollida da produción.
É unha fraude aos gandeiros e ás gandeiras galegas que ten como principais responsables a conselleira Ana Quintana e ao presidente Feijóo, como membros dun goberno da Xunta que non moveu un dedo ante o Ministerio para que incluíra as propostas dos produtores, nun sector que é columna vertebral para o medio rural, criticou a portavoz parlamentaria de Agricultura, Tereixa Paz.
Como moito suporá un alivio momentáneo pola presión exercida coas mobilizacións, pero vai defraudar aos produtores, sinalaba o portavoz nacional, Xavier Vence, quen xa advertira contra un peche en falso da crise que vive o sector leiteiro en Galiza.
O BNG denuncia que o acordo non inclúe medidas que dean estabilidade ao sector, cun texto final aínda máis inconcreto co borrador presentado en agosto. Neste sentido, nada hai sobre a principal demanda centrada en establecer un prezo sostible para os produtores de leite, non hai garantías de recollida, nin se contemplan sancións por incumprimentos das partes, habituais desde as industrias e distribución.
A formación nacionalista critica que tampouco hai medida algunha para eliminar as marcas brancas do leite, pese a ser un elemento de extorsión de prezos das distribuidoras que afecta non só aos gandeiros, senón tamén á industria. E tampouco medida algunha contra os cisternistas, como se coñece aos primeiros compradores que actúan como especuladores tirando o prezo do leite.
Neste contexto, o Bloque avanza que presentará novas iniciativas parlamentarias no Congreso, na Cámara galega e nos concellos para seguir reclamando prezo sostibles, -con indicadores que se reflictan nos contratos e facturas-, sancións para os incumpridores, e a creación dunha comisión galega de seguimento dun sector que produce o 40% do leite de todo o Estado.
Entendemos o cabreo dos gandeiros e gandeiras, porque o acordo é unha fraude, sintetizou Paz.