A proposta do BNG, petición compartida por En Marea, para crear unha comisión de investigación sobre o sinistro do Marisquiño e defendida pola portavoz nacionalista, Ana Pontón foi aprobada coa abstención do Partido popular e os votos en contra do PSdG-PSOE.
Na súa intervención, Pontón explicou que o accidente provocou máis de 400 persoas feridas e puido converterse “nunha auténtica traxedia de vidas humanas” polo derrubamento da pasarela do Porto en plena celebración do festival do Marisquiño o pasado 12 de agosto.
Para a nacionalista, o proceder do Partido popular e Partido Socialista tralo sinistro do Marisquiño resultou un “vergoñento espectáculo de ocultación” e o empeño de ambas forzas en buscar “un chibo expiatorio ou cabeza de turco a quen responsabilizar do accidente”, neste caso, dixo, “un branco fácil, a empresa organizadora”. Neste sentido, afirmou que se a seguridade dunha instalación pública no principal porto de Galiza vai depender dunha empresa privada que organiza un festival, entón “hai que mandar para casa ao presidente do Porto, ao alcalde de Vigo e ao presidente da Xunta”, cuxa falta de respecto coas persoas feridas, coa veciñanza de Vigo e co conxunto da sociedade é “intolerable” en responsables políticos que se deben ao servizo público.
A pesar da enorme gravidade dos feitos, insistiu Pontón, asistimos a un “espectáculo lamentábel de cruce de acusacións entre as administracións e unha bochornosa liorta entre López Veiga, máximo responsable do Porto de Vigo, Abel Caballero, alcalde da cidade e Feixóo, titular da Xunta de Galiza. Unha liorta que se suma aos continuos desencontros na xestión dese espazo portuario de uso público.
PONTÓN PEDIU A PP E PSOE LEVANTAR A PINZA DA OCULTACIÓN
Sería unha boa noticia acadar hoxe a unanimidade no pleno e rematar co espectáculo que levamos vivido durante estas semanas nas que PP e PSOE tornáronse para manter unha “pinza de ocultación” polo que volveu pedir que ambas forzas rectificaran para apoiar a proposta da comisión de investigación parlamentaria presentada polo BNG e que finalmente prosperou.
MEDIDAS XUDICIAIS E MEDIDAS POLÍTICAS
Para determinar responsabilidades xudiciais están os tribunais e dende o BNG , manifestou Pontón, agardamos que non haxa interferencias pero para determinar responsabilidades políticas están os parlamentos. É evidente que no accidente do Marisquiño hai responsabilidades políticas porque este evento conta cun cuantioso financiamento público, e a autorización de dúas administración diferentes: “Autoridade Portuaria e Concello de Vigo”. Pola súa parte, a Xunta, criticou Pontón, “mirou para outro lado”, a pesar de ter constancia dos problemas de mantemento dunha infraestrutura pública nunha das zonas máis usadas e transitadas da cidade.
Insisto, remarcou, non repitan o lamentable espectáculo destas semanas, asuman que despois dun accidente tan grave, nunha democracia que respecte aos seus cidadáns hai que investigar e “Feixóo, como máximo responsábel da Xunta ten que comparecer”, así como, o responsábel de sanidade, para dar explicacións por non reforzar suficientemente os medios sanitarios.
Se a maiores, quere vir a comparecer o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, parécenos ben, porque hai moito que falar da súa lei de espectáculos, que dicían ía mellorar controis e seguridade e xa vemos cal é o balanzo: “un gravísimo accidente que puxo en risco a miles de persoas”.
Ana Pontón concluíu confiando en que a Comisión de investigación proposta polo BNG e aprobada hoxe no Parlamento conte con todas as comparecencias necesarias para esclarecer o acontecido no sinistro do Marisquiño e que o PP non dificulte o seu funcionamento.