Orzamentos do PP para o 2014, “Esperanza cero” para Galiza

Jorquera pediu a devolución duns orzamentos que evidencian “o fracaso das políticas de Feijóo”, non loitan contra a crise económica e hipotecan o futuro de Galiza

Jorquera defende a Emenda á Tolidade aos Orzamentos para o 2014

 Pleno- O portavoz do Grupo parlamentario do BNG, Francisco Jorquera cualificou de “inxustos, antisociais e contrarios ao emprego” os orzamentos do PP para o 2014 defendidos hoxe pola conselleira de Facenda Elena Muñoz.

Afirmou que as contas do PP, son “esperanza cero para o noso país”, non serven para loitar contra a crise nin salvan a Galiza da ruína.

Na súa intervención, o deputado acusou de “dogmatismo” ao PP por defender un proxecto de orzamentos dos que esperan resultados diferentes coa aplicación das mesmas políticas, “vostedes, dixo, persisten na submisión cega aos ditados do Goberno central a costa de negar o futuro para o noso país”.

Para o deputado, os orzamentos do 2014 “non son neutros”, teñen un grave impacto nas condicións de vida da xente e van no camiño de máis recortes e desprotección social

Protexen os intereses dunha minoría a costa de empobrecer a maioría

Galiza vive unha situación de auténtica emerxencia nacional: “277.000 persoas desempregadas, 90.000 fogares con todos os seus membros en paro, 20.000 fogares nos que non entra ningún ingreso e 600.000 persoas vivindo no limiar da pobreza”.

O PP, manifestou Jorquera, estima que o PIB crecerá un 0, 8 por cento no 2014 pero no 2012 previron un crecemento do 1,1 e logo crecemos un 0,9, no ano 2013 a previsión era decaer un 0,9 pero nestes momentos a variación sitúa o descenso nun 1,4%, agardo que neste ano acerten vostedes.

Orzamentos que incrementan o austericidio

Estiman unha taxa de desemprego no 2014 “superior” á que estimaban nos orzamentos do presente ano, “incluso nas súas optimistas previsións confirman que non se creará emprego”, vostedes incrementan o “austericidio” e conducen a Galiza a unha situación de máis ruina.2

Temos unha taxa de ocupación das máis baixas de Europa, medran os recursos para pagar a débeda mentres segue a recortar o gasto non financeiro, “renuncian a investir 65 millóns de euros para impulsar políticas sociais e de estímulo da economía”, criticou.

Recortes en todos os eidos

Os Programas para dinamización do medio rural diminúen un 25 %, Pesca 55%, Industria 38,57%, Comercio 60% por non falar do recorte acumulado en Normalización Lingüística en máis dun 67%, e un 56,72% en Cultura, explicou.

O desenvolvemento industrial, comercio, e I+D+i seguen a ser os grandes prexudicados nestas contas, pode dicirme, onde está a estratexia para a recuperación económica en Galiza?, preguntou o portavoz nacionalista á conselleira.

Máis propaganda fronte  recortes en gasto social

O parlamentario do BNG tamén negou que o PP “blinde o gasto social” porque as contas demostran que nos últimos anos o PP segue aplicando “recorte tras recorte” nesta materia.

Educación reduce o gasto nun 14.8%, Sanidade un 10,49%, Servizos sociais e Igualdade 5,43% e en cooperación un 64,96%, ula a blindaxe no gasto social? volveu preguntar.

Son orzamentos “antisociais” igual que a súa sensibilidade coa xente “que non ten casa”, o dereito a unha vivenda digna convertérono vostedes “nunha quimera”.

O PP recorta todo menos a débeda pública

Neste sentido, Jorquera asegurou que as cifras “falan ás claras”, o custe da débeda pasa de 1.110 millóns de euros a 2.017, case mil millóns de euros nun só ano, “niso debe consistir facer menos con máis” ironizou.3

“Coas súas políticas, perdemos tod@s menos os Bancos” van deixar un país arruinado e ademais hipotecado pola súa submisión aos poderosos e ao Goberno central, submisión que a Galiza sáelle moi cara.

Vostedes, aceitan un sistema de financiación desastroso para Galiza, aceitan un reparto de déficit entre administracións que condena a Galiza á “asfixia económica”.

Segundo o proxecto de orzamentos, os ingresos do sistema de financiación descenderán 187 millóns de euros que se comparamos co ano 2009 representa unha caída de 1.400 millóns de euros, máis de 233.000 millóns das antigas pesetas.

Finalmente, Jorquera tamén criticou o anuncio estrela de Feijóo sobre a rebaixa do IRPF para as rendas máis baixas, “ a rebaixa supón unha dedución media de 45 euros ao ano, 3,5 euros ao mes”, afirmou.

Esta rebaixa, non compensará a suba dos impostos, o IVE, o canon da auga, lixo, repagos farmacéuticos, comedores escolares, libros de texto, “roubar aos pobres para darllo aos ricos” esa parece ser a máxima das súas políticas, concluíu

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG