A través dunha proposición non de lei, a parlamentaria do BNG, Olalla Rodil instou ao goberno galego a “pisar o acelerador” e cumprir os acordos parlamentarios para impulsar a conciliación e a corresponsabilidade porque a igualdade afirmou, “non pode ser flor dun día”.
Na súa intervención insistiu en que o 8 de marzo non debe limitarse a colocar na solapa o lazo da igualdade para despois “si te he visto no me acuerdo”. A igualdade, constrúese “todos os días do ano, os 365 días” e con ferramentas como os acordos parlamentarios co apoio unánime da Cámara galega para avanzar nesa liña.
Onte mesmo, lembrou a nacionalista, o BNG defendeu unha iniciativa na sesión plenaria para exixir o cumprimento do Plan de Igualdade para o persoal da administración pública que tras 16 anos a Xunta segue sen cumprir.
Acordos parlamentarios “unánimes” metido na gabeta do goberno do PP
Pero este, sinalou Rodil, non é o único exemplo. O 22 de marzo do ano 2022 foi aprobada unha moción instando á Xunta a presentar no Parlamento de Galicia, antes de que remate o ano, a avaliación do I Plan galego de conciliación e corresponsabilidade 2018-2021, xunto ao Plan de actuacións para a igualdade nos centros educativos de Galicia, presentar , antes do remate o ano, o II Plan galego de conciliación e corresponsabilidade 2022-2025,realizar un estudo exhaustivo en colaboración coas universidades galegas sobre corresponsabilidade en Galicia, con datos sobre reparto dos tempos e de distribución de tarefas domésticas e dos coidados entre mulleres e homes, así como da percepción social que existe sobre esta materia e deseñar unha campaña de sensibilización e concienciación no ámbito da corresponsabilidade familiar, promovendo a participación dos homes como referentes necesarios na coeducación e nos coidados no ámbito das familias.
Estamos no mes de marzo do 2023 e “nada sabemos” dos resultados do plan 2018-2021 nin do Plan de Igualdade na educación.
O único que temos, criticou a nacionalista, é unha nota de prensa da Xunta o día que foi convocado o Consello galego das mulleres para anunciar que se traballaba nel e continuaba avanzando nas liñas xerais. A xuízo da deputada, o proceder do goberno representa “un grave ninguneo” ao poder lexislativo e unha burla aos dereitos de conciliación que afectan maioritariamente ás mulleres.
Rodil volveu a pedir ao goberno “que pise o acelerador” e poña en marcha medidas para implicar aos homes no coidado das crianzas, nos coidados dos maiores e nas actividades que diariamente realizan as mulleres e que afianzan “a desigualdade”. Urxe fomentar a “corresponsabilidade”. A desigualdade mantense porque hai a quen lle interesa que siga existindo. Do contrario, hai moito que desaparecería, sentenciou Rodil.
O PP veta a proposta do BNG
A deputada do BNG propuxo unha transacción instando á Xunta a presentar ante a Cámara :
- No prazo dun mes, as conclusións do I Plan de conciliación e corresponsabilidade 2018-2022.
- Antes de rematar o actual período de sesións , o borrador do II Plan de conciliación de responsabilidade 2022-2025 antes da súa aprobación a través dunha comparecencia do Goberno galego , permitindo que os grupos parlamentarios poidan formular achegas ao mesmo.
A proposta defendida por Olalla Rodil foi rexeitada polo Partido popular.