A cabeza de lista do BNG por Lugo, Olalla Rodil, xunto co deputado do BNG no Parlamento do estado, Néstor Rego, participaron nun encontro público na vila de Monforte. Olalla Rodil afirmou que “este 12 de xullo Galiza precisa darlle a volta aos 11 anos de xestión do Partido Popular e recuperar a calidade de vida que lle foi eliminada ás galegas e galegos”.
“Monforte precisa do GALTREN, un ente público galego que impulse o transporte de proximidade na Galiza”, afirmou Olalla Rodil, que engadiu “RENFE continúa a maltratar a estación de Monforte ao non recuperar todos os servizos despois do estado de Alarma, a solución a isto pasa por xestionar nós os nosos recursos”.
”Vertebrar as comunicacións do noso territorio e garantir o acceso de toda a poboación aos servizos públicos son dúas das medidas máis necesarias para poñer freo ao despoboamento do rural”, declarou Olalla Rodil.
Olalla Rodil pediu á veciñanza de Monforte “que confíen no proxecto do BNG para facer unha nova Galiza a partir do 12 de xullo con Ana Pontón como presidenta”.
O deputado do BNG no Parlamento do Estado, Néstor Rego, puxo o foco na necesidade dunha Tarifa Eléctrica Galega. Segundo Rego, non é normal que sexamos un dos territorios onde se produce unha grande parte da enerxía que se consume no conxunto do estado e teñamos unha das facturas eléctricas máis altas de Europa”. “As galegas e galegos non podemos pagar a luz máis cara que en Madrid malia ser nós quen xeramos esa enerxía”, declarou Néstor Rego.
“Un presidente da Xunta de Galiza que mira cara a Madrid só trae deterioro da calidade de vida das galegas e galegos”, afirmou Néstor Rego, que engadiu “este 12 de xullo non só temos que cambiar o nome do presidente da Xunta, temos que apostar por un proxecto que mude as políticas que se aplicaron estes últimos 11 anos, e ese é o proxecto político que garante o BNG”.