O BNG celebrou un cumio municipal en Santiago nunha xornada de traballo na que reuniu a unha nutrida representación de alcaldes, alcaldesas e responsables dos gobernos locais en pleno ano electoral, e anuncia que ese “anel de concellos nacionalistas” vai traballar para conseguir o cambio real liderado polo Bloque, tendo en conta que son a mellor carta de presentación do que a formación nacionalista poder ofrecer ao conxunto do país.
A viceportavoz parlamentaria, Olla Rodil, compareceu en rolda de prensa precisamente para destacar o papel que os concellos do BNG pretenden xogar para “desaloxar” a Feixóo.
“Queremos visibilizar o que moitos galegos e galegas viven cada día que é este anel de concellos nacionalistas, o mellor escaparate das políticas innovadoras e transformadoras que o BNG ten para ofrecer ao conxunto do país e que, estou convencida, de que poderemos despregar en toda Galiza este 2020”, salientou Rodil, en referencia á cita electoral.
A través dos gobernos municipais, explicou, o Bloque demostra que ten “un proxecto de país, a diferencia do PP, e demostramos que sabemos facer as cousas e que hai unha marca BNG recoñecible que se pode ver nos executivos locais que lideramos, convertidos en referentes, mesmo a nivel internacional. Un exemplo da capacidade do nacionalismo para mellorar a vida das persoas”.
A modo de exemplo, salientou que as políticas que a formación desprega en vilas e cidades son referentes en temas que van desde o urbanismo ao ecoloxismo, tratamento do lixo e aproveitamento do monte, políticas culturais, de defensa da lingua e recuperación do patrimonio, políticas sociais ou na loita pola igualdade de xénero.
Para estender ese modelo de éxito a toda Galiza, urxe un cambio real tras os comicios, que só é posible liderado polo Bloque.
“É urxente, e imprescindible desaloxar ao PP da Xunta nas eleccións galegas pero tamén é fundamental que non só cambien as caras senón tamén as políticas, e para iso é necesario que o cambio estea liderado polo BNG”, recalcou a viceportavoz parlamentaria.
Na comparecencia ante os medios, Secundino García, alcalde de San Sadurniño e portavoz na FEGAMP cualificou de “vital” para o municipalismo galego “que por primeira vez coloquemos a unha muller e nacionalista ao fronte da Xunta”. Para ese fin, os concellos nacionalistas son unha gran carta de presentación.
“O mellor escaparate que ten o nacionalismo galego son os concellos gobernados polo BNG, é o mellor exemplo que lle podemos transmitir á cidadanía para que nas próximas eleccións galegas Ana Pontón sexa a presidenta do Goberno galego”, recalcou, e poder pasar páxina dun Executivo do PP que en lugar de estar ao lado dos concellos “nos empapela sobrecargándonos con competencias impropias sen darnos nin medios materiais non económicos”.
A atención ás persoas dependentes, a loita contra a praga da velutina, a gratuidade do segundo fillo nas escolas infantís foron algúns dos exemplos denunciados. “Neste país somos dos que quen convida, paga, pero temos que soportar que a Xunta anuncie plans que despois detrae de fondos destinados aos concellos”, criticou García, tras avanzar que o BNG vai usar a FEGAMP como un instrumento ao servizo dos concellos en lugar de ser unha entidade para bendicir as arbitrariedades do Goberno de Feixóo.
Financiamento e vía xudicial
Unha das cuestión tratadas no cumio municipal polo BNG foi o trato discriminatorio que implica para os concellos galegos o actual sistema de financiamento, que se traduce en 50€ menos per cápita sobre a media estatal. “Que Feixóo rectifique e recorra pola vía xudicial a débeda do Estado como leva meses reclamando o Bloque parécenos positivo, pero é insuficiente porque non resolve o problema de fondo que non é outro que un modelo de financiamento que nos discrimina”, explicou Rodil.
Neste sentido, a formación nacionalista defende un concerto económico que dea a Galiza “a chave dos seus cartos”, cunha facenda propia e o control sobre o 100% dos recursos.