O BNG está convencido de que a mobilización que volveu encher as rúas de Santiago terá a súa translación ás urnas e que os galegos e as galegas van aproveitar as eleccións para finiquitar a política de recortes da sanidade pública do PP, algo do que tamén é consciente Feixóo de aí a súa airada resposta, marcada pola chulería e a descualificación.
“Feixóo está nervioso, por iso reacciona con prepotencia, chulería, descualificacións e toneladas de propaganda ante a masiva manifestación contra a súa política de recortes e privatización da sanidade pública”, explicou a viceportavoz parlamentaria, Olalla Rodil, tras ironizar sobre a “febril actividade” do gabinete de comunicación da Xunta nun intento desesperado por contrarrestar a mobilización,
“Este ano déuselles por un envío expansivo de notas de prensa, empeñados en tapar con publicidade e manipulacións unha década de recortes. E o ano pasado, o mesmo día que milleiros de persoas de manifestaban en defensa da sanidade pública tamén en Compostela, onde estaba o presidente da Xunta? Na praza de Colón, de ganchete coa extrema dereita entre pasodobres. Cada quen elixe as súas prioridades”, sentenciou Rodil.
Pero non van conseguir “amordazar” á maioría social “nin con chulería nin con propaganda”, recalcou, por contra “estamos convencidas de que as galegas e os galegos van pasar páxina e deixar atrás a década de recortes de Feixóo nas próximas eleccións, para abrir un tempo neste país, tamén na sanidade pública”.
Mentres, o Bloque sigue traballando para reverter a situación poñendo propostas enriba da mesa: plan urxente de financiamento da atención primaria con 206 M€, reapertura das 800 camas pechadas e convocatoria das 5.000 prazas vacantes no SERGAS.
Na súa comparecencia , Rodil trasladou a solidariedade do BNG ante o último asasinato machista acontecido en Lugo, o segundo no que vai de ano en Galiza, e fixo un chamamento a participar nas mobilizacións convocadas polo movemento feminista en toda Galiza.
“No conxunto do Estado español foron asasinadas 10 mulleres no que vai de ano, unha muller cada catro días, isto é insoportable e non podemos normalizar a violación de dereitos humanos contra a metade da humanidade”, subliñou a viceportavoz parlamentaria, tras explicar que os feminicidios “son apenas a parte máis visíbel da violencia machista”.
Por iso, urxe converter a loita contra a violencia machista “nunha prioridade política absoluta”, sobre todo cando hai síntomas de retroceso “da man de discursos negacionistas que pensábamos desterrados”, denunciou.
Fan falta máis medios e máis implicación política e social. En Galiza, o BNG propón destinar o 1% do orzamento a combater esta violencia, “100 M€ dun orzamento de 10.000 M€ é máis que posible tendo en conta que estamos falando de salvar vidas”, concluíu.
Cita electoral
A preguntas dos medios, Rodil volveu insistir en que a formación nacionalista está preparada para calquera que sexa a data electoral, “para ir a por todas”, desde a confianza que da ter un proxecto serio e solvente e contar cun liderado claro na candidata á Presidencia, Ana Pontón.