A deputada do BNG, Olalla Rodil pediu hoxe ao director xeral de Políticas culturais “un compromiso real” e maior apoio á cultura galega.
Tras a intervención de Anxo Lorenzo para informar da Estratexia da Cultura galega, a nacionalista defendeu o “dereito á cultura”, un ámbito que ademais, dixo, reverte en riqueza e no que as condicións laborais deben estar garantidas.
A deputada cualificou de “decepciónante” a comparecencia do director xeral de Políticas culturais e afirmou que “sen accións, sen calendario e sen orzamentos, a estratexia cultural é só fume”.
Por outra parte, salientou que a información e documentos remitidos ao Parlamento “non inclúen accións concretas”, redúcense a meras “declaracións e obxectivos” moi loábeis, á xuízo da deputada pero “faltas de concreción no tempo e orzamentos”.
Na documentación, explicou tampouco aparecen recollidas as suxestións da Asociación de xestores culturais do libro. Olalla Rodil insistiu na necesidade de garantir o dereito á cultura, sobre todo, “nun país como o noso”, con máis de 10 mil núcleos de poboación dispersos, con amplos espazos rurais e unha poboación avellentada. Neste sentido avogou por unha estratexia cultural “equitativa” á marxe do o lugar no que se viva, tanto rural como urbano, e a renda que teñamos.
E preciso “tecer redes” entre as institucións, entidades, colectivos sociais e sectores culturais, recalcou a deputada do BNG que apostou polo papel “chave” dos concellos para favorecer programacións estábeis e contidos fuxindo de visións localistas que empobrecen a planificación cultural.
Tampouco hai referencias, engadiu, a institucións e entidades existentes, algunhas delas como o CGAI, CDG, CCG, RGT, RGS, RGMV; o CGAC) e que dependen da propia Xunta de Galiza; nin sequera se menciona a lexislación vixente no sector editorial (Lei do libro e da lectura, 2006); audiovisual (1999); bibliotecas (2012), a lei de patrimonio cultural (2016), de arquivos e documentos (2014). “Moitas delas sen desenvolver e durmindo o soño dos xustos desde hai anos”.
Nada sobre AGADIC e a CRTVG, algo que nos parece “gravísimo”, polo que representan para as propias industrias e sectores culturais no seu conxunto, como motores / impulsores e de maneira especial os medios públicos de comunicación, como difusores da lingua e cultura galega.
Pretender deseñar unha política cultural a medio prazo sen facer referencia á Axencia e a Corporación é ter “cero intención de desenvolver unha verdadeira política pública”.
Na súa intervención, Rodil criticou que Lorenzo non aludirá á precariedade na cultura, da atomización dos sectores culturais, e a destrución de tecido empresarial durante a crise económica
Finalmente, ante a falta de “vontade do Goberno galego” para cambiar de rumbo e elaborar una verdadeira estratexia cultural, a deputada do BNG propuxo iniciar “plans sectoriais” e escoitar aos sectores implicados co fin de implementar medidas para unha maior “profesionalización, fortalecemento económico e difusión social”.